domingo 19.01.2020

Cans, Vedra e agora Carlos Velo: o cinema vira para o rural

Nace con vocación de cinema rural. O Festival Internacional de Cinema Carlos Velo desenvolverase en Celanova e Cartelle -o lugar de nacemento do cineasta- entre os días 20 e 21 de xuño. Mentres Cans acelera o ritmo de organización e Vedra acaba de celebrar o LAV14 da Asociación Senunpeso, o novo evento fai virar o dinamismo do audiovisual aínda máis cara o rural. 

Fotograma de Galicia, de Carlos Velo
Fotograma de Galicia, de Carlos Velo

Lareira Pop e Arraianos son as entidades organizadoras do Festival Internacional de Cinema Carlos Velo que nace con vontade de se centrar no “cinema rural”. Terá lugar o 20 e 21 de xuño en Celanova e Cartelle, lugar de nacemento de Carlos Velo, unha das figuras centrais da historia do cinema tanto en Galiza como no México do seu exilio. 

O obxectivo do festival é abrir un “espazo para a divulgación e exhibición de curtametraxes documentais e de ficción, cunha temática relacionada co medio rural e coa recuperación da memoria material e inmaterial dos pobos do mundo”. Busca tamén converterse en lugar de encontro de profesionais do sector e espazo de debate arredor do mundo rural. 

Un cineasta de aldea 

O Festival homenaxeará e promoverá a figura de Carlos Velo así como a “creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos, sociais, culturais, económicos e obras audiovisuais que existen arredor do medio rural e do seu futuro”. 

O Carlos Velo súmase a dous encontros que están a contribuír a que o mundo audiovisual vire para o rural, onde nacen iniciativas participativas e creadas do asociacionismo que están a ter unha singular relevancia no panorama do sector. O Festival de Cans, que terá lugar do 21 ao 24 de maio, apura neste momento as últimas datas para a presentación de curtametraxes mentres inventa novas maneiras de financiamento do festival máis xenuíno dos celebrados no país co patrocinio dos seus “jalpóns". Mentres, en Vedra acaban de desenvolver a fin de semana pasada unha nova edición dos seus LAV, os Laboratorio Audiovisual de Vedra organizado pola Asociación Senunpeso que pendurou o cartel de “completo” na maior parte dos seus obradoiros. 

comentarios