Cangas inaugura a XVIII semana de 'Cinemas Ocultos' co filme 'Sica'

Os "universos dixitais" centran a nova edición da mostra cinematográfica.
Inauguración da ssemana 
de 'Cinemas Ocultos'de Cangas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Inauguración da ssemana de 'Cinemas Ocultos'de Cangas (Foto: Nós Diario).

A alfombra vermella volveu á vila de Cangas (O Morrazo) para a inauguración da XVIII Semana de Cine ‘Cinemas Ocultos’, que tivo lugar onte no Auditorio Xosé Manuel Pazos. Nesta nova edición, o evento convértese nunha "xanela aberta aos universos dixitais", con especial atención ao impacto das redes sociais, noticias falsas, videoxogos e a cultura dixital en xeral.

O auditorio, practicamente completo, confirmou o compromiso da cidadanía coa Semana de Cine de Cangas, que chega á maioría de idade con esta edición.

O filme Sica, dirixido e escrito por Carla Subirana, foi o encargado de abrir o pano. E tras esta obra ambientada na Costa da Morte, a actriz e profesora de interpretación Victoria Teijeiro compartiu a súa experiencia e perspectiva sobre a obra co auditorio.

Teijeiro indicou na súa intervención agradecendo o equipo que organiza a Semana de Cine de Cangas polo seu traballo, salientando que “este tipo de mostras son estupendas para poder dar visibilidade ao cinema galego, creando máis fidelidade co público que xa temos e achegándonos a novas persoas”. Sobre a súa participación en Sica destacou que a figura da profesora de interpretación é "bastante descoñecida".

A programación

Nas seguintes xornadas da Semana de Cine, o público poderá gozar dunha selección de películas curtametraxes galegas e así como de funcións de animación dirixidas ás familias, reflexo do compromiso coa promoción da riqueza e diversidade do cinema galego e o fomento da cultura cinematográfica entre as persoas máis miúdas.

Haberá diversas proxeccións así como faladoiros e espazos de debate sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia.

Comentarios