martes 28.01.2020
Entrevista a Domingo Villar

“Cando un crime infecta parte da sociedade, agroma o máis profundo do ser humano”

Mónica Andrade é profesora da Escola de Artes e Oficios de Vigo. Vive en Tirán (Moaña), na outra beira da ría. Un día de novembro falta á cita para xantar co seu pai, un coñecido cirurxián, e este decide denunciar a ausencia. O inspector Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez entran en acción. Eis o disparador de O último barco (Galaxia, 2019), o esperadísimo regreso de Domingo Villar (Vigo, 1971), un “policial canónico” -nas súas palabras- que, en case 800 páxinas, explora “as relacións paterno e materno filiais, a soidade, a compaixón”. Pasaron dez anos desde que publicou A praia dos afogados (Galaxia, 2009), a obra que o catapultou ao olimpo dos best seller en galego. “Os libros están cando están e non cando un quere que estean”, di. Publicamos un extracto da entrevista, que saíu no número 339 do semanario en papel Sermos Galiza.

[Imaxe: Uxía Castro] Domingo Villar
[Imaxe: Uxía Castro] Domingo Villar

1A primeira pregunta é obrigada: por que tanto tempo entre A praia dos afogados e O último barco?

Porque os libros están cando están e non cando un quere que estean. Despois do tempo extenso de promoción que me esixiu A praia dos afogados e do período de documentación para este, boteime a escribir. Contra o ano 2013 tiña unha novela case que rematada. De feito, din a voz ás editoriais e aviseinas de que estaba practicamente para saír. E as editoriais puxeron en marcha a maquinaria. Logo lina ben e decateime de que non estaba como tiña que estar. Daquela morreu meu pai e colleume nun estado emocional intenso. Naquel estado en que estaba, aquela novela semellaba baleira. Había a opción de publicar algo co que non estaba satisfeito. Había unha segunda opción, que era corrixila e traballala outra vez. E había unha terceira opción, que era guindala ao mar e comezar a traballar de novo. Contando a mesma historia, pero contándoa doutro xeito.

Si? Era a mesma historia?

Era, foi o que decidín facer. Volver empezar. Eu gozo moitísimo escribindo. Cando un rapaz está cos xoguetes pásanlle as horas e hai que sacalo de alí porque lle dá a madrugada. A min pásame o mesmo cando escribo. Non hai cousa que me guste máis, coa que máis goce. Malia iso, son, ademais, enormemente inseguro. Doulle moitísimas voltas a un texto.

A fluidez narrativa da obra, a sinxeleza, adoita indicar moito traballo.

Iso dicía Johan Cruyff. Falaba, cando adestraba o Dream Team, de como a xente lle dicía: “Que ben xoga, como fan?”. El respondía: “O difícil é xogar fácil. O sinxelo é darlle unha patada para arriba e todos detrás do balón. O outro é máis complicado”. O meu grande esforzo céntrase en facer que o lector entre sen dificultades na historia e que a literatura non renxa. Que vaia todo fluído. Que cando o lector esvara polo tobogán a chaqueta non prenda en ningún sitio. Que vaia a cousa suave. E iso esixe moito traballo.

Por que decidiu que Leo Caldas e Rafael Estévez cruzasen a ría e abandonasen a banda sur?

Porque a ría de Vigo é un todo. Cando un ve a mancha de luz desde o aire, desde o satélite, para ver as luces de Nadal de Vigo [ri], ve que a mancha é completa, só unha. As poboacións da outra banda están completamente integradas coa cidade. Pero dun xeito un pouco distinto. É como atopar un pouco de calma dentro da urbe. Desde a outra banda da ría vese Vigo tendida, como se fose un animal deitado á beira do mar. Pero escóitanse os paxaros e aínda hai praias pseudovirxes. A vida vai máis tranquila. Na parte de Vigo o fondo do mar é limoso, está un pouco afectado pola cidade. Na outra banda, en cambio, é de area limpa. E hai marisco, porque segue a ser un mar enormemente fértil. De feito, as mandas de mamíferos mariños achéganse a aquela banda a comer. Mirala desde a outra banda é outro xeito de estar na cidade.

Na novela hai unha superficie e un núcleo que vai emerxendo aos poucos, puntualmente, de maneira sutil. É a literatura un método para deitar luz sobre o oculto?

Si, entendo que é unha boa forma de comprender a natureza humana. Ademais cando un crime infecta unha parte da sociedade, o máis profundo dos homes e mulleres agroma. Si é un bo mecanismo de coñecemento do ser humano. Por outra banda, a miña é unha novela policíaca bastante canónica. Pero creo que hai tres cousas que subxacen: a paternidade, as relacións paterno ou materno filiais; a soidade; e a compaixón, o mecanismo que move os fíos da trama.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 339 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

comentarios