mércores 08/12/21

Cándido Pazó e Chévere compiten pola maioría dos María Casares

Xa se coñecen todos os finalistas para os XXI Premios de Teatro María Casares, e as dúas obras que acaparan máis nomeacións son ‘O tolleito de Inishmaan’, de Cándido Pazó, que aspira a 11 galardóns, e ‘Eroski Paraíso’, de Chévere, que opta a 8. 

cópia de foto familia maria casares 2017
Todos os nominados e nominadas destes XXI Premios María Casares.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de anunciar os/as nomeados/as aos XXI Premios María Casares, a gran festa do teatro cuxa gala se celebrará o próximo 29 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os espectáculos finalistas nas catorce categorías coas que contan os Premios déronse a coñecer esta noite -cuarta feira- na Festa dos Nomeados/as, que tivo lugar no Salón Teatro de Santiago. 

En total de 13 espectáculos acadaron algunha nomeación nos catorce apartados nos que se dividen os María Casares: maquillaxe, vestiario, iluminación, música orixinal, adaptación/tradución, texto orixinal, escenografía, actriz secundaria, actor secundario, actriz protagonista, actor protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil. 

A gala dos premios celebrarase o 29 de marzo no Rosalía da Coruña

'O tolleito de Inishmaan', coprodución de Contraproducións (a compañía de Cándido Pazó) e o FIOT Carballo, converteuse neste 2017 na produción con maior número de finalistas ao obter un total de 11 nomeacións. Pola súa banda, 'Eroski Paraíso', de Chévere, aspira a 8 galardóns. 'Raclette', de Ibuprofeno Teatro, opta a 5 premios. Estas tres producións teatrais disputaranse os apartados á mellor espectáculo e dirección. 'Voaxa e Carmín', de ButacaZero, tamén aspira a levar 5 premios María Casares, mentres que 'Foucellas', de Talía Teatro, competirá en 3 categorías. Os espectáculos 'A nena que quería navegar', de Redrum Teatro, e 'Os amores de Jacques o fatalista', de Producións Teatráis Excéntricas, optan a 2 María Casares. 

Finalmente, optando a 1 galardón atópanse Xurdefet (Jour de Fête), de Berrobambán; Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro; Tartufo, do Centro Dramático Galego; Get Back, de Eme2 Producións; Danza da Choiva, de Elefante Elegante, e Os Rockenstein, de Malasombra Producións. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Cándido Pazó e Chévere compiten pola maioría dos María Casares