Camiño Escena Norte bota o pano en Lugo e Santiago de Compostela

O domingo 22, a Cidade da Cultura acollerá, o encontro ESADs en camiño, no que o alumnado da escola galega de arte drámatica  se atopará coa bailarina e coreógrafa brasileira Mariana de Paula Ferreira.
'Fronterizas', de Mari Paula Danza & Performance. (Foto: Aureo Gómez)
photo_camera 'Fronterizas', de Mari Paula Danza & Performance. (Foto: Aureo Gómez)

La bestia negra, da compañía asturiana Proyecto Piloto, e Fronterizas, da cántabra Mari Paula Danza & Performance, serán os espectáculos que pecharán esta fin de semana o circuíto de exhibición do CEN, nomeado Itinerario Constelacións. O programa cultural despedirase até o ano que vén das localidades galegas.

A primeira das citas desta fin de semana chegará a sexta feira 20. A compañía Proyecto Piloto presentará en Lugo La bestia negra, un espectáculo que pon sobre a mesa a histeria (do termo “hestera”, que significa útero) que, no seu día,  “se consideraba como unha gran besta negra que atemorizaba a todos os médicos”, segundo a compañía.

La Salpêtrière é hoxe en día un hospital máis de París, pero a finais do século XIX foi un lugar habitado por 4.000 mulleres  que vivían entre a realidade do seu día a día e a representación teatral, exaxerada, exhibicionista e fotografada da súa suposta enfermidade: a histeria. “Esta obra é unha homenaxe a todas elas, pero tamén un intento de entendelas e, aínda máis, de querelas”, sinala Proyecto Piloto.

O domingo 22, a escena trasladarase á Cidade da Cultura, onde Fronterizas, unha obra autoficcional da bailarina, coreógrafa e xestora cultural brasileira Mari Paula (Mariana de Paula Ferreira) aborda temas como a loita, o cansazo ou a aceptación do fracaso. Cunha estrutura narrativa non lineal, Fronterizas albisca un futuro a partir de anacos rotos do pasado e pecha, deste xeito, a triloxía integrada por Retrópica (2017), peza coa que acadou en Brasil o Premio Nacional de Danza - Funarte Klauss Vianna, e Devórate (2019). 

ESADs en camiño

Previamente, Mari Paula participará nunha nova edición das actividades paralelas ESADs en camiño, o proxecto de colaboración e intercambio profesional e educativo coas escolas superiores de Arte Dramática da Galiza, Asturias e Euskadi (Dantzerti), que permite por en contacto ao alumnado das ensinanzas artísticas coas compañías profesionais en xira co CEN.  

Comentarios