Caldo, Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf" de música

A final terá lugar no seo dunha gala no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 28 de novembro.

caldo folk fusión
photo_camera Caldo, un dos finalistas.

O xurado do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña fixo público as cinco bandas finalistas: Caldo, Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi. A banda gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 28 de novembro e que se emitirá tamén a través de ‘streaming’.

Formou parte do xurado como presidente Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; ademais da xornalista e músico Xiana Arias; a produtora Aitana Cuétara Yáñez; o músico Marcos Payno; a xornalista Belén Regueira; e o músico Marcos Rodríguez Fontenla. Como secretaria actuou Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.

O Concurso Fran Pérez “Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mileth, Su Garrido, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Os finalistas

Caldo son María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, canda pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas. 

Ukestra do Medio é un grupo de ukuleles que nace en  Compostela a finais de 2013 facendo versións de diferentes músicas com ukeleles, baixo e caixón: de clássicos do rock'n'roll, country, swing ou pop a músicas tradicionais galegas, tangos, bossanovas ou son jarocho mexicano. 

Crnds é compositor, produtor e fundador do selo independente Lindisfarne. Despois de publicar varias colaboracións con artistas como Cibrán Seixo ou Sandra Monfort a través desta plataforma, o produtor lanza “Inerte” (2020) a súa primeira referencia en solitario. Actualmente, o artista atópase en pleno proceso de gravación do seu primeiro álbum; un traballo onde crnds dialoga coa electrónica máis experimental e a música tradicional galega.

Koroiev nace en 2008 como proxecto de electrónica en solitario do ferrolán Roberto Casteleiro. A súa música foi derivando cara a banda sonora dun relato imaxinario aínda que sen abandonar o concepto de directo e de instrumentación de banda.

Mmboi parte da inquedanza e o gusto pola música de raíz latinoamericana.Pero non só iso, a banda bebe do folk, do funk e mesmo da psicodelia, todo mesturado co seu propio estilo. As letras van dende o ancestral ao espiritual, pasando por suposto polo amor.

Comentarios