Buxo Fest... Ou como este festival tivo unha brillante idea

Non debería ser isto unha primicia, mais o é.

corpo astral
photo_camera O compostelán Cuerpo Astral é un dos combos que tocará esta sexta feira no Buxo Fest

Verán tras verán, outono tras outuno, festival tras festival, un grupo remata, comeza outro, cambio de escenario, aproveitas para ir o baño, coller unha caña, comeza un novo concerto… e así, a peregrinaxe escenario tras escenario, festi tras festi, que imos facendo a xente que nos mola a música. Neste contexto, finais de xuño, un festival calquera, nunha vila galega calquera, estamos ao aire libre, xa é noite, e comeza o terceiro concerto que imos ver, unha amiga me mira e di: “Todo tíos!”  “Si”, resposto, con cara de frustración. Na miña testa estaba rondando a mesma idea cando comezou o grupo: non subira ao escenario nin unha muller en todo o que levabamos de noite, nin ía subir ningunha no que restaba de noite. 

Si, é sabido, hai poucas mulleres nos grupos musicais e menos aínda nos festivais ou eventos musicais varios. Hai pouca presenza de grupos musicais de mulleres nos festivais, e tamén moi pouca presenza de grupos mixtos. Pola contra, os grupos cen por cen masculinos abarrotan a escea musical en toda Galicia. Existen algunhas excepcións, algúns festis que si se preocupan por traer a grupos femininos, pero aínda son moi poucos. Pois ben, neste festival, que por riba de todo é un festival onde a música e a arte deberían ser as protagonistas…. tamén o serán as mulleres! 

Os grupos cen por cen masculinos abarrotan a escea musical en toda Galiza

Se queremos mudar as cousas, quizais, desde o noso lugar, podemos facer grandes transformacións. As creadoras do BUXO Fest propuxeron esta idea: que alomenos nos grupos musicais exista algunha presenza feminina. Sen máis, que haxa mulleres, algunhas, poucas, moitas, pero que existan, que participen. Pois ben, de seguro que as persoas asistentes vanse dar conta disto, algo vailles descadrar… que haxa mulleres enriba dos escenarios, e non só abaixo. Ademais, o convite ábrese tamén a grupos de Portugal, onde a presenza de mulleres semella, segundo as creadoras do BUXO Fest, algo maior que en Galiza. Vamos, que non foi tan difícil a busca… Só queda darlles as grazas por este “pequeno” cambio. O certo é que a miúdo as desigualdades (de tan presentes) pasan desapercibidas. Acostumámonos tanto a elas, que non nos chaman a atención; normalizamos o que non é normal. Ese é o poder do simbólico, facer que cousas moi chamativas se asenten nos nosos miolos como algo corrente. Mais, desta vez, o poder simbólico tamén será noso. 

O Buxo Fest vai ter lugar este sábado (todo o día, a partir das 12.30 h) na contorna de Churruca e Irmandiños, en Vigo.

Corrección: Na edición orixinal desta información aparecía erroneamente que o Buxo Fest se ía realizar a sexta feira, cando en realidade vai ter lugar este sábado.

  

Comentarios