Contracultura

Brais Lamela: "Na literatura galega hai exemplos de mulleres desaparecidas que viven experiencias extremas"

Brais Lamela, escritor, fala da súa primeira obra, 'Ninguén queda', publicada polo selo editorial da Fundación 'Euseino?', unha organización non lucrativa independente, e no que se combinan fórmulas propias do ensaio interpretativo coas estratexias da ficción. Lamela fala das experiencias de desprazamento e da experimentación na escrita, como el di, “xogar coas xenealoxías literarias e mesturar o real coa ficción”.
O escritor Brais Lamela abre co seu libro a colección Rúa de Lagarto, da Fundación 'Euseino?'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escritor Brais Lamela abre co seu libro a colección Rúa de Lagarto, da Fundación 'Euseino?'. (Foto: Nós Diario)

—Cal era a intención ao escribir Ninguén queda?
Quería facer un libro sobre vidas cruzadas, experiencias que parecen distintas, separadas no tempo e no espazo, mais que se tocan na experiencia do desprazamento. A novela segue a historia dun mozo galego en Nova York que investiga sobre a colonización da Terra Chá. Ás veces temos unha idea do mundo intelectual ou académico como algo separado da nosa experiencia persoal, mais non creo nesa diferencia. Observar unha figura que pensa sobre o desprazamento e ao mesmo tempo o experimenta, pór en tensión o peso da historia coa nosa vida cotiá, o privado co público... Supoño que desas intuicións nace o libro.

—A obra abre a colección Rúa de Lagarto, de Euseino??
O libro non existía hai un ano, máis ou menos cando a colección apareceu, así que podemos dicir que as dúas cousas naceron xuntas. Cando Berta Dávila me escribiu para preguntarme se quería presentar algo, o que máis me interesou foi poder escribir en diálogo con ela. En xeral, o proceso de escritura pode ser algo solitario e gustábame o experimento de pensalo como unha conversa.

Interesoume tamén o ángulo elixido pola fundación para a colección, unha literatura de textos híbridos e singularidades; unha aposta polos xéneros que están nas marxes. Penso que o libro causa nas persoas lectoras certa perplexidade: é unha novela? ou outra cousa? Ás veces chámolle novela simplemente porque me parece que en moitos sistemas literarios textos moito máis radicais que este reciben o nome de novelas e, polo tanto, paréceme importante que esteamos dispostos a chamarlles novelas a cousas que xogan coas nosas expectativas do que unha novela debería ser. Pero interésame máis a perplexidade que buscar unha definición fixa: a literatura ten que xogar coas nosas ideas do que pode ser o literario, e agradezo que Euseino? crease unha colección que explicitamente nos convida a iso.

—Hai experiencias persoais no libro?
Quería escribir un libro apegado aos ritmos da miña vida, a lugares e vivencias familiares, si, mais o que se conta no libro non ten un correlativo na vida real. A historia da muller desaparecida nos asentamentos está inspirada nun caso que sucedeu, mais ao escribila inspireime en referencias literarias. Na literatura galega hai moitos exemplos de mulleres desaparecidas que viven experiencias extremas: a Socorrito da Esmorga ou a muller sobre a que escribe Rosalía en A xustiza pola man. Interésame fundamentalmente xogar coas xenealoxías literarias e mesturar o real coa ficción.

—Sobre os asentamentos da ditadura na Terra Chá, como se introduce este feito na historia?
Os plans de colonización da ditadura buscaban reorientar os hábitos dos labregos baixo a tutela estrita do réxime. En moitas ocasións, aqueles que ocuparon vilas de colonización eran vítimas de desprazamentos forzosos e tiñan que acomodarse a unhas pautas e a un xeito de vivir que non lles eran propias. É importante contar esta historia: a miúdo pensamos no campo galego como un espazo sen historia, fóra do tempo, e creo que é importante narrar as súas transformacións, ás veces forzosas, e tamén os actos de resistencia.

A palabra colonial sempre implica un proceso de creación e de destrución. Interesábame pensar sobre iso: que é o que se quixo construír, que se destruíu? Con todo, non é unha novela histórica e só aparece o Arneiro nun momento moi puntual… Non quería facer unha obra estritamente sobre os territorios de colonización, quería falar sobre o mundo contemporáneo onde pesaran as memorias, digamos, de historias e violencias pasadas.

Comentarios