CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Black Mass'

Unha da mafia. 

BMass

BLACK MASS
(Estados Unidos 2015, 122 min.)
Dirección: Scott Cooper
Guión: Jez Butterworth e Mark Mallouk
Fotografía: Masanobu Takayanagi
Música: Tom Holkenborg
Elenco: Johnny Depp, Joel Edgerton, Dakota Johnson, Juno Temple, Benedict Cumberbatch, Kevin Bacon, Peter Sarsgaard, Sienna Miller, Rory Cochrane, Jesse Plemons, Adam Scott, David Harbour, Julianne Nicholson, W. Earl Brown

SINOPSE
Sur de Boston. Anos 70. O axente do FBI John Connolly (Edgerton) persuade ao gángster irlandés Whitey Bulger (Depp) a colaborar co FBI a fin de acabar cun inimigo común: a mafia italiana.

CRÍTICA 
Alarde de maquillaxe e perrucaría para facer que Johnny Depp estea, unha vez máis, irrecoñecíbel para encarnar, desta volta, ao esquivo gángster irlandés Johnny ‘Whitey’ Bulger; un tipo louro, medio caneco e de ollos azuis. Desde un punto de vista lóxico é bastante incomprensíbel contratar a un actor que é fisicamente o contrario ao rol que interpreta... E moito máis habendo actores de sobra que poderían interpretar ese mesmo papel sen necesidade de pasar horas diante dun espello... A non ser, claro, que xustamente se procure o asombro do persoal ou, mellor dito, dos membros da Academia. Porque non hai que esquecer que estamos en plena campaña pre-Óscar e comezan a proliferar os filmes que buscan desesperadamente estar presentes na Gala... Deixando de lado esta evidencia, é tamén ben sabido que a Depp lle gusta tanto de disfrazarse como a un parvo un lapis, así que a cousa tampouco debería chocar tanto. 

"Estamos en plena campaña pre-Óscar e comezan a proliferar os filmes que buscan desesperadamente estar presentes na Gala"

Pero innecesario é... Por outra banda é de recibo recoñecer que unha vez comeza a película o tema da caracterización pasa totalmente desapercibido grazas, en boa parte, ao excelente despregue de próteses capilares e postizos, por suposto ao bo facer do camaleónico Johnny Depp, e tamén a unha máis que lograda presentación de personaxes que capta instantaneamente a atención poñendo as cartas directamente boca arriba. Empeza coa confesión en primeiro plano de Kevin Weeks (Jesse Plemons), unha sorte de comodín que tanto vale de porteiro como para dar unha soberana malleira a quen se lle poña por diante; logo xa Whitey Bulger (Jonnhy Depp) o rei da mafia de Boston; o seu irmán Billy Bulger (Benedict Cumberbatch) todo un señor senador dos Estados Unidos que se presenta coma un cabaleiro de brillante armadura; e o amigo de ambos, o axente do FBI John Connolly (Joel Edgerton), todo un as en agachar os seus verdadeiros intereses.

BlackMassA raíña de corazóns Lindsey Cyr (Dakota Johnson), o axente insubornábel Charles McGuire (Kevin Bacon), o trastornado asasino drogadicto Halloran (Peter Sarsgaard)... en fin, unha recua de xentalla que conforma unha man de póker desas que ben se pode converter en escaleira de cor, pero acaba sendo un lixo de man... A pesares das próteses e quilos de maquillaxe, a actuación de Depp está certamente convincente coma desapiadado psicópata violento ao que non lle falla o pulso á hora de tomar calquera tipo de decisión por controvertida que sexa. Unha mestura explosiva entre Vito Corleone (O Padriño) e Frank Costello (Infiltrados) cun sorriso inquietante que lembra o de Tommy Udo/Richard Widmark de O bico da morte (1947, Henry Hathaway). 

Mais, oh sorpresa, cómelle con patacas Joel Edgerton cunha interpretación que borra definitivamente a dese Ramsés de Exodus (2014, Ridley Scott) que daba auténtica vergoña allea... Edgerton matiza unha desas memorables evolucións de personaxe a base de imperceptíbeis modificacións de actitude e xestos. Do mellor do filme. Semella que Scott Cooper, antigo actor metido a director, estase a converter en todo un experto en dirección de actores. Co seu debut Corazón Salvaxe xa levara dous Óscar, un deles ao Mellor Actor (Jeff Bridges), e con Black Mass leva camiño de levar, cando menos, as nomeacións a Mellor Actor e Mellor Actor Secundario.

"Inda que pareza mentira pola dureza dalgunha das secuencias, non se acada a transmitir toda a perversidade desa institución do crime organizado chamada Whitey Bulger"

Outra ben podería recaer en Peter Sarsgaard, nun breve pero intenso papel, mais o que non vai pasar, seguro, é que o de Mellor Actriz Secundaria lle caia a unha Dakota Johnson totalmente prescindíbel. Un chega a preguntarse como acadou o papel... Atención tamén á montaxe de David Rosenbloom, que xa estivo nomeado por O dilema (1999, Michael Mann) e aquí pode conseguir perfectamente outra. Inda que pareza mentira pola dureza dalgunha das secuencias, non se acada a transmitir toda a perversidade desa institución do crime organizado chamada Whitey Bulger. 

Si que se da renda solta a boa parte da súa faceta asasina, mais queda algo curta se temos en conta todo o abundante material periodístico e de arquivo. Bulger podía matarte a ti, ao teu can, foder na túa muller, queimar a túa casa e a continuación saír camiñando tranquilamente. En Black Mass as fazañas de Bulger están algo suavizadas, probablemente para zafar da censura hoolywoodense. Unha película para gozar das excelentes interpretacións pero incapaz de manter o pulso a un excelente inicio adoecendo de falta de ritmo paulatinamente a medida que nos achegamos ao final. Tampouco é capaz de prescindir dese manido recurso de letras superpostas sobre “que foi de...”, algo que, persoalmente, pode comigo. Con todo, é unha boa película de gángsters que recupera esa estela dos anos trinta nas que o público acudía en masa a ver a eses malos que adoitaban vestir os caretos de Edward G. Robinson, James Cagney ou Humphrey Bogart.

Comentarios