Contracultura

Bía Ferreira: "Busco a incomodidade porque as persoas que están cómodas non mudan de lugar"

Bía Ferreira, artista brasileira, visita Santiago para rematar a xira europea de presentación do seu novo disco, 'Faminta', no marco do Festival Maré nun concerto que se celebra hoxe na Sala Capitol.
A artista Bía Ferreira mestura ritmos como soul, samba ou reggae. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A artista Bía Ferreira mestura ritmos como soul, samba ou reggae. (Foto: Nós Diario)

—A piques de rematar a súa xira, cal é a valoración que fai?
Foi moi bonito. Son 47 concertos en 12 países desde o mes de maio e fun atopando persoas moi dispostas a recibir a mensaxe que eu levo coa miña arte, persoas que están abertas a ter conversas sobre o colonialismo, o antirracismo, o xénero... Tamén é moi enriquecedor porque é a primeira vez que paso cinco meses fóra do Brasil, polo que tamén levo comigo outra vivencia. Teño aprendido bastante e diría que o meu traballo agora foi para outro lugar porque eu conseguín experimentar moitas cousas diferentes que podo ir aplicando na miña carreira, grazas tamén a entrar en contacto con outras persoas e linguas.

Asemade, a primeira vez que vin a Santiago tamén foi da man do Festival Maré e só podo dicir que todas as veces que vin quedei moi sorprendida co recibimento da xente, polo que rematar a xira aquí tamén é moi simbólico para min e un motivo de honra. 

—Diría que o público está máis aberto agora a estes diálogos?
Creo que si. O acceso á tecnoloxía como internet e demais fai que as persoas vexan dunha maneira máis explícita o que está a acontecer, de maneira que isto esperta nelas unha necesidade de posicionarse en tanto que son contrarios ao rumbo que tomaron determinadas cousas. É unha maneira de dicir que queren mostrar de que lado están, e incluso ocorre cando non teñen un coñecemento.

Percibo que hai persoas que buscan información para entender mellor os temas dos que eu falo. Creo que isto acontece tamén agora porque a guerra está moi próxima do continente europeo, provocando en certa maneira que os pensamentos das persoas vaian dirixidos a este tipo de cousas. Digamos que ten máis impacto. Con todo, falo disto coa boca pequena porque tamén existe ese número enorme de migrantes morrendo no mar, persoas que intentan chegar a Europa. Non obstante, tamén sinto que hai moitas persoas espertando pola necesidade de posicionarse como algo contrario ao que está sendo imposto socialmente. No Brasil é diferente porque hai outras cousas máis urxentes, creo que non é comparábel.

Para min é imposíbel falar destes temas cando hai máis de 40 millóns de persoas sen saber o que van comer mañá, morrendo de fame. Son debates diferentes e a abordaxe debe ser diferente porque as oportunidades de construción social foron diferentes tamén. Como vou falar de cuestións políticas e académicas con poboación que non ten acceso a unha educación de calidade, que non ten alimento na súa casa? Hai que solucionar uns problemas antes para comezar a abordar outros. 

—Os temas dos que fala tamén están ligados á incomodidade.
Porque as persoas que están cómodas non mudan de lugar. Cando as persoas están incómodas buscan saír correndo cara un lugar onde estean máis cómodas e para min esa busca e ese movemento é o que fai que as persoas medren. O incómodo é necesario por iso, mesmo cando son cuestións que non son doadas de abordar. En Europa existe moito esa cultura de negar a existencia do racismo ou da xenofobia e cando a xente fala sobre iso e a xente consegue traelos á fronte eses problemas son maquillados socialmente baixo lemas como ‘todos somos iguais’ ou ‘igualdade, liberdade e fraternidade’ que non é real.

É máis fácil buscar conversas máis cómodas, reducir un debate complexo a unha única idea superficial. Neste sentido, eu falo desde a miña vivencia porque creo que é moi importante que as persoas protagonistas da súa propia historia sexan quen a conte.

Como muller brasileira, cando coñecín a historia das mulleres negras e a do meu país, tamén aprendín moito sobre a colonización, a manipulación e as formas de dominio da información e das narrativas. Entón, todas as veces que me posiciono para falar de cousas que vivo é cando consigo trasladar a responsabilidade e o dereito da narrativa da miña propia historia.

Comentarios