Berlai lembra Castelao no seu novo disco 'Estampas Galegas'

O músico presenta esta sexta feira en Compostela o seu novo traballo.
Xiao Berlai e Leandro Lamas presentando o novo traballo (Foto: Através Editora).
photo_camera Xiao Berlai e Leandro Lamas presentando o novo traballo (Foto: Através Editora).

Berlai, o proxecto musical de Xiao Berlai, presentará esta sexta feira, 9 de xuño, ao vivo na Sala Riquela de Compostela o seu novo traballo Estampas Galegas (Através Editora, 2023). O disco mestura por igual música e contos, autoría de Berlai, coas obras do pintor e ilustrador naronés, Leandro Lamas.

Son un total de dez estampas que falan da Galiza actual, homenaxeando a obra Cousas de Castelao. Neste traballo o artista suma rock, jazz, indie-pop e música electrónica de maneira desacomplexada.

As historias que aparecen contan con tres partes: o relato que introduce o tema, a ilustración de Leandro Lamas e a canción coa súa letra.

Relatan a experiencia de ser pai e vivir a imposición de xénero da sociedade ao fillo que acaba de nacer; unha tenda de roupa chamada "home" que nin sequera vende pantalóns curtos; a progresiva castelanización do galego; o orgullo de ter un país con dous nomes; a reivindicación do acento galego nas producións audiovisuais a través da figura de Arale; e mesmo a fantasía dunha Rosalía liderando o pobo na revolución galega "se non hoxe, mañá".

Micromecenado

Para sacar adiante este proxecto, Berlai lanzou unha iniciativa de micromecenado desde a plataforma Verkami que estivo activa até o 30 de abril.

O diñeiro recadado serviu para poder investir na calidade do produto (fotografía, papel e acabados), así como para desenvolver as láminas especifícas que acompañan á publicación e as camisetas. Tamén, por suposto, para poder correr cos gastos do lanzamento da obra. 

Estampas galegas chega ao público após Desconhecido -o seu primeiro proxecto, unha banda deseñada con música, para escoitar e ler á vez- e Cas Berlai, un disco máis tradicional con fío narrativo, desenvolvido en casa, durante o confinamento de 2020.

Comentarios