Contracultura

Belém Tajes: "Mesturei a voz da miña avoa, gravada por Dorothé Schubarth, con sons electrónicos"

Belém Tajes é cantante, compositora e especialista en musicoterapia. A artista vén de publicar 'Arou'79', o primeiro sinxelo do seu novo disco que chegará en abril. Neste tema, Tajes parte dunha gravación da súa avoa cantando en Arou, no concello de Camariñas (Terra de Soneira) no ano 1979, e que foi rexistrada por Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que contribuíu enormemente á recollida e recuperación do patrimonio musical galego. Con este single, Tajes homenaxea a súa avoa e Schubart, mais tamén a música e as expresións artísticas tradicionais da Galiza.
A compositora e cantante Belém Tajes. (Foto: Benxamín Otero)
photo_camera A compositora e cantante Belém Tajes. (Foto: Benxamín Otero)

-Vén de lanzar Arou’79, un tema que fusiona música electrónica, folclore e material documental. Como xorde esta novidosa idea?
Agora estou a facer un cambio de rexistro. Comecei a experimentar a partir da gravación de Dorothé Schubarth, que foi un tesouro que atopei sen querer. Decidín mesturar a voz da miña avoa Genara con percusións tradicionais e sons máis electrónicos e virtuais porque era o que me suxería a maneira de cantar de miña avoa no audio recollido por Schubarth.

Cando escoitei a canción por primeira vez, pareceume moi "ravera" e as harmonías transmitíanme unha certa incomodidade. Isto levoume a incorporar á peza esas voces agresivas e esa electrónica que te leva a estados de conciencia distintos aos habituais. A propia canción conduciume por ese camiño. Este sinxelo foi un traballo de arqueoloxía e de experimentación musical.

-Como foi descubrir esta gravación da súa avoa?
Foi impresionante. Unha rapaza que vai a clase de cantareira, ten un profesor que utiliza audios do Museo do Pobo Galego e alí foi onde atopou estas cantigas que falaban de Arou. A moza sabía que eu era desa zona e mandoumas. A voz da señora que cantaba resultábame coñecida e investigando un pouco xa confirmei que era miña avoa Genara, aínda que cando lle ensinei a canción, nun primeiro momento, tampouco se recoñeceu.

Ao principio non nos cadraban as datas, porque miña avoa levaba anos na Arxentina, mais resulta que foi durante unha visita cando coincidiu con Dorothé. O corte completo do audio tamén inclúe conversas e pola maneira de falar xa fomos conscientes de que, en efecto, quen cantaba esa peza era miña avoa, aínda que o seu nome non fora documentado. 

-E que lle pareceu Arou'79 á súa avoa?
Digamos que, ao principio, non lle gustou moito. Non vou dicir que lle horrorizou, tampouco iso porque me quere moito, mais ao comezo si que se sentiu rara. Obviamente gustoulle o resultado, mais no primeiro contacto quedou alucinada. Porén, gustoulle a homenaxe e tamén lle gustou sentirse especial tendo unha canción para ela e saíndo no videoclip. Acabou facéndolle bastante graza. Por outro lado, paréceme que miña avoa e, en xeral, as persoas desa idade, non lle dan importancia ás cancións que elas cantan. Ás veces incluso as menosprezan. Cústalles ver nesta tradición excelencia. Para min é o que é. É unha sorte e unha herdanza familiar fermosísima que a min me gusta manter e conservar.

-Para realizar o videoclip usou imaxes e vídeos familiares de Arou. Como foi o proceso de recompilar estes materiais?
Meu pai ten moita curiosidade tecnolóxica e tiña gravacións en Super 8 do Arou de 1985 e principios dos 2000. Ademais, tiñamos algunha que outra cousa por casa. Xunto cun amigo, dixitalicei todo ese material e fixen unha recompilación de todas esas escenas. Quero reivindicar a idea de crear unha biblioteca deste tipo de contidos caseiros. Hai moitísima xente que ten gravacións deste estilo e tamén de bailes, cantos e tradicións. Non obstante, a maioría están en mans privadas. Estaría moi ben facer un arquivo de acceso público e que se lles compensase ás persoas que o recollan e o compartan. 

-Vai seguir apostando pola experimentación?
A idea é seguir un pouco pola senda da experimentación. Mais non me gusta pór etiquetas á música que fago. Quero que a miña obra sexa unha mestura da miña propia vida.

Comentarios