O 'Begoña Caamaño' recoñece a traxectoria da poeta Luz Fandiño

O VII Premio "Begoña Caamaño" á acción cultural pola igualdade de xénero da Deputación da Coruña recaeu na poeta compostelá e na cooperativa 'A Morada' como mellor iniciativa. 
Luz Fandiño (Foto: Arxina).
photo_camera Luz Fandiño (Foto: Arxina).

A poeta compostelá Luz Fandiño, na modalidade 'Traxectoria', e a cooperativa viguesa A Morada, na modalidade 'Iniciativa', foron as dúas gañadoras do VII Premio "Begoña Caamaño" á acción cultural pola igualdade de xénero.

Este certame, que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña, busca cada ano recoñecer e pór en valor as traxectorias de colectivos e persoas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura, tanto no ámbito territorial da provincia como no conxunto do país. 

Nesta edición, o xurado estivo presidido pola deputada de Igualdade, María Muíño, e formado por Lucía Canoura, do Observatorio da Mariña pola Igualdade; pola escritora e actriz Iria Piñeiro; pola docente e artista plástica Ana Seoane; e polas xornalistas María Fernanda Tabarés e María Yáñez. 

Segundo indica o xurado, Luz Fandiño recibirá o galardón "pola súa traxectoria vital e como creadora, e polo seu activismo que mantén intacto os seus 92 anos". Tamén salientan que "é exemplo de coherencia, rebeldía e dignidade, pola súa loita polos dereitos das mulleres e por ser inspiradora para as novas xeracións, que a seguen a buscar para escoitar a súa abraiante peripecia persoal". 

Fandiño (Compostela, 1931), filla do barrio do Sar, viviu a emigración en Arxentina e Francia. Desde 1979 reside na capital galega, colaborando con diferentes colectivos poéticos e publicacións. Na súa obra, destacan os títulos Farangulliña de neve (1998), e O pracer de envellecer (2014).

A Morada, mellor iniciativa

No caso da cooperativa de Vigo A Morada, o informe do xurado do premio indica que a entidade é merecedora do premio por "xerar unha rede de apoio e colaboración comunitaria que considera os coidados un aspecto esencial da vida, polo seu carácter innovador, e por ser unha iniciativa social e cooperativa inspiradora".

Comentarios