Beatriz Martínez, arpista: "A arpa ten algunhas características moi curiosas, unha delas é que enseguida atrae"

Beatriz Martínez, unha das figuras con máis proxección na Galiza no eido da arpa céltica, presenta o seu primeiro CD en solitario, Tal como as nubes, dentro da programación do Noia Harp Fest (4 de agosto, Xardíns da Central do Tambre, Noia, 19.30 horas). Martínez ten dado concertos en solitario ou formando parte do Rodrigo Romaní Trío e figurado nos carteis do Edinburgh Folk Harp Festival ou do Intercéltico de Lorient. Tanto no festival como nas presentacións que terán lugar estes días en Braga e Porto estará acompañada ao bouzouki e á guitarra clásica polo tamén membro de Sondeseu e Ghaveta: Diego Langarica. En conversa con 'Nós Diario' explica como foron os seus inicios e a razón de estrearse cun traballo discográfico en solitario.
A arpista Beatriz Martínez xunto ao músico Diego Langarica. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A arpista Beatriz Martínez xunto ao músico Diego Langarica. (Foto: Nós Diario)

—En que momento naceu o seu amor pola arpa?
Comecei a raíz dunha inquedanza musical que tiña algo tardía, sería cara ao ano 2005. Un día presenteime na Escola de Artes e Oficios de Vigo e entre os instrumentos que tiñan para aprender estaba a arpa. Fixen unha proba de acceso e metinme nela. Daquela atopei a Rodrigo Romaní e foi unha curiosidade engadida que sumou o meu interese polo instrumento. Nunca máis me separei deste instrumento. Despois naceu un itinerario novo, a  Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (Etrad) polo que estiven alí até o 2013. Como parte da formación había que crear un grupo como un proxecto de fin de estudos. No meu caso foi Ghaveta, no que aínda sigo e co que gravei xa dous discos.

Todos os instrumentos teñen as súas dificultades mais a arpa ten algunhas características moi curiosas. Unha delas é que enseguida atrae. Dá un son precioso desde o principio. Non fai falta ser un grande instrumentista nin ter anos de experiencia para tocar unhas pezas e que soe como os anxos. O problema é que cando pasan os anos decátaste que che falta moito e tes que estudar, algo que nunca rematas de todo.

—Estrea disco en solitario. Como se xestou o proxecto de Tal como as nubes?
Era unha idea que tiña pendente desde hai moito tempo. Máis alá de Rodrigo Romaní tampouco hai tantos referentes de música tradicional na arpa solista. É un proxecto moi atrevido e só nunhas circunstancias moi especiais poden levar a que fagas unha música tan minoritaria. Certo que por Europa fáiselle máis caso é que aquí non é moi común. Non me atrevía, era a razón de que fixera proxectos con Ghaveta, con Rodrigo Romaní ou con SonDeSeu. O desencadeante foi a pandemia. Ao estar tanto tempo na casa acumulei temas meus. Pensei que agora era o momento e  gravei no estudo con Isaac Millán.

O disco é moi persoal, non sei se polas circunstancias. Ao principio pensei en facer algo máis divertido e movido mais ao final decidinme polo que tiña eu dentro. Hai temas meus, case todos con referencias á natureza. A outra parte do traballo son temas tradicionais con arranxos meus. Conto só co acompañamento de Diego Langarica.

—Conta a arpa cun circuíto axeitado no país para poder desenvolverse en directo?
Realmente non é doado aquí, tes que contar con xente que apoie. Non hai moitos circuítos onde poder mostrar a música de arpa con facilidade. A paciencia non é algo que traballemos neste país, e menos en verán. Quizais deberían abrirse máis á música instrumental, pensa que un disco como o meu non conta con voz. A música instrumental galega é unha das grandes esquecidas deste país.

Pola miña experiencia viaxando, nos lugares onde estiven máis, como é o caso de Irlanda ou Escocia, evidentemente a música tradicional instrumental é algo moi normal. Xa o teñen por historia, como pode acontecer aquí coa gaita e a pandeireta. A xente, quizais, está máis acostumada a ir a salas con outra actitude mental, pensando que gozarán do concerto. No noso caso igual pénsase en que nos relaxaremos e non ten porque ser así. Podes crear moita expectación con pouca cousa. Depende tamén do país, non en todos os sitios é tan marabilloso. Aquí temos bastante sorte coa música, tampouco me vou queixar.

Comentarios