Cinco bandas optan a gañar o X Concurso Fran Pérez "Narf" da Deputación da Coruña

Néboa, Su Garrido Pombo, Zumaque Trío, Oh! Ayatollha e A banda da Loba

premios narf

Néboa, Su Garrido Pombo, Zumaque Trío, Oh! Ayatollha e A banda da Loba son as cinco finalistas ao X Concurso Fran Pérez "Narf" da Deputación da Coruña. A final terá lugar na segunda quincena de outubro nun concerto en que participarán os cinco grupos que foron seleccionados polo xurado profesional.

O xurado composto por Brais Morán Mato, Isaac Gónzalez López, Mar Catarina Serantes, Xurxo Souto e a gañadora da anterior edición, Camille Hédouin, Mounqup, e presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, escolleu as cinco bandas e artistas finalistas, entre as dezanove a.

Néboa: En xuño de 2015 autoeditaron o seu primeiro disco, “Antes da tormenta”. Ademais de tocar ao vivo, continuaron a traballar en novas cancións, que foron cobrando vida entre ensaios e concertos, e colaboraron con outros músicos, como os cantantes portugueses Susana Nunes (HAEMA) e Joao Neves (Moncho Gris, Singular Lugar). 

Su Garrido Pombo: Naceu en Vigo e é de aldea de Traspielas (Fornelos de Montes). É música e compositora e o seu estilo abarca diferentes xéneros incluíndo Jazz, Latin, Bossa ou Folk. Aprendeu a cantar coa súa avoa na aldea as cancións que ela  lle ensinaba dos seráns e tamén as que escoitara na radio, boleros, pasodobres ou rancheiras.

Zumaque Trío:  É unha formación de recente creación, integrada por tres músicos afincados en Compostela, cunha longa traxectoria nos seus ámbitos musicais. A arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha dilatada experiencia na música sinfónica, o contrabaixista Alfonso Calvo, vencellado a múltiples proxectos do jazz e as músicas improvisadas, e o clarinetista Pablo Pascual, que desenvolveu a súa carreira en diversos ámbitos, pero sempre comprometido coa música tradicional galega

Oh! Ayatollah: Grupo de pop que nace a finais de 2015 en Santiago de Compostela, da xuntanza de varias persoas que coincidiron estudando nesta cidade. En abril de 2016 saca a súa primeira referencia, un EP de cinco cancións titulado “Cancións por se non te quere xa”. En novembro dese mesmo ano sae o seu videoclip “Mi Re La”, que levará o premio ao mellor videoclip na sección do xurado do Festival de Cans de 2017.

A Banda da loba:  Integrada por cinco mulleres, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios das escritoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra.

Comentarios