A banda Lontreira presenta o seu novo sinxelo, "Ser humano"

"Queremos que o son das nosas gravacións se parezan cada vez máis e sexa máis fieil a como soamos en directo", comenta a banda

Adri Coyote, Rotce e Iván Barral, Lontreira.
photo_camera Adri Coyote, Rotce e Iván Barral, Lontreira.

"Ser Humano" é a primeira canción que Lontreira entrega despois da publicación en 2023 do seu disco de debut, Apnea. E, dalgunha maneira, vén indicar os novos territorios polos que transitará o trío no futuro máis inmediato. Aínda que podería dicirse que non son novos de todo, porque xa había en Apnea cortes que anticipaban esta posible dirección. O que ven facer "Ser Humano" é concretar, definir e amplificar eses rexistros.

Potenciando a compoñente electrónica das súas composicións, a banda vai desprendéndose de certas referencias latinas e de raíz que asomaban nos seus primeiros sinxelos para centrarse nun pop absorbente no que gaña un protagonismo absoluto a súa enérxica vertente electrónica.

Xira extensa

"En realidade, o que fixemos foi achegar máis o son da gravación ao que facemos e a como soamos en directo", explican. 

Conceptualmente, "Ser Humano" tamén supón unha evolución nos postulados do trío. Se en Apnea se centraba nas relación entre as persoas e a natureza, nesta nova etapa Lontreira poñen por completo o foco no ser humano. Neste caso nas implicacións e as consecuencias que nel provoca a consciencia -ou non- do irrefutable paso do tempo.

"Ser Humano" é o primeiro dunha serie de sinxelos que Lontreira publicará en 2024. Un ano que será intenso pola entrega destes temas e pola extensa xira que xa ten programada o trío, e na que figura a súa presenza en festivais como o EmigraSON, Revenidas, Entrepontes, FIV de Vilalba ou Atlantic Pride, ente outros moitos pendentes aínda de anunciar. 

 

Comentarios