Contracultura

Lontreira: "Cando tocamos os temas en directo é cando sae á luz a verdadeira esencia do disco"

Lontreira é o nome dunha praia da Illa de Arousa, mais tamén a banda formada por Héctor Rodríguez, 'Rotce' (bases e teclado); Adriana Cores, 'Adri Coyote' (voz principal e encargada de recitar a parte poética); e Iván Barral (guitarra e coros) e que naceu precisamente nese territorio. Tras conquistar o certame Canción do Verán 2022 con "Corazón de Toxo", en menos dun ano lanzáronse a publicar o seu primeiro álbum, 'Apnea', que van levando a diversos destinos durante a temporada estival.
Adriana Cores, Héctor Rodríguez e Iván Barral son os integrantes de Lontreira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Adriana Cores, Héctor Rodríguez e Iván Barral son os integrantes de Lontreira. (Foto: Nós Diario)

—En marzo deste ano presentaron Apnea, o seu primeiro álbum como banda. Agora que xa pasaron uns meses desde a súa publicación, cal é a lectura que fan?
Adriana Cores: Calquera persoa que tivera a oportunidade de escoitarnos en directo xa se ten decatado de que a versión do disco é algo máis parada ou lenta que a versión que sae sobre os escenarios. Para min, cando tocamos os temas en directo é cando verdadeiramente sae á luz a verdadeira esencia.

Héctor Rodríguez: Estou bastante de acordo con iso que di Adri. O disco fixémolo estando na casa e como nós estabamos tranquilos esta é a palabra que caracteriza tamén o álbum. Con todo, en canto comezamos a ver que nos directos o corpo nos ía pedindo máis e máis caña e que era algo que tamén se notaba que a xente quería, deseguido me puxen a traballar nas bases e nos arranxos para que tivera esa esencia que queremos transmitir nos nosos directos. Por suposto, alén de modificar as bases destes temas, tamén nos puxemos man á obra para sacar temas novos nos que se pode percibir claramente esa evolución.

Iván Barral: É xusto isto. Calquera persoa que nos vise en directo pode estar de acordo con nós cando afirmamos que o que soa sobre o escenario e o que se escoita na casa é un disco distinto. Baixo o meu punto de vista o que facemos é coller o álbum e facelo brillar enriba do escenario. Todos os temas teñen algo moi especial, mais diría que nos directos é cando cobran vida e gañan forza. É algo marabilloso. 

—Ademais, despois da acollida que tivo o seu proxecto, este ano tamén lles xurdiu a oportunidade de tocar no Atardecer do Gaiás.
A.C.: O certo é que foi unha das primeiras datas que pechamos antes deste verán. Xurdiu de maneira marabillosa e nós tiñamos moita ilusión por ter a oportunidade de tocar na Cidade da Cultura.
I.B.: Exacto, apareceu diante de nós e con toda a ilusión que tiñamos non podiamos dicir outra cousa que si. Nunca antes tocaramos na capital e tiñamos moitísimas ganas de poder facelo. 
H.R.: Ademais noutros concertos, por cuestións como o horario ou o tempo do que dispoñemos, hai que quitar algúns temas. Tamén depende de se o ambiente é máis tranquilo ou non, de maneira que acabamos por darlle prioridade a algunhas cancións sobre outras. Con todo, no Gaiás desde o principio tivemos a idea de tocar todo o que tiñamos feito até o momento, polo que tamén era algo moi especial.

—Unha vez que remate esta temporada de concertos e festivais, hai algún proxecto no que estean a traballar e do que poidan adiantar algo?
I.B.: Polo momento temos entre mans algunha que outra colaboración, o que ocorre é que aínda está cocéndose no forno, polo que non podemos dicir moito máis, así que animaría a xente a que estivera atenta ás nosas redes sociais, que é onde o contaremos todo proximamente. Este verán tamén tivemos a oportunidade de tocar en lugares como o 17º na Ribeira Sacra, Vikinsons en Catoira, as Festas do Albariño en Cambados... Tamén acompañamos Rayden na Festa da Auga de Vilagarcía, algo que nos fai sentir moi afortunados. E do 21 ao 24 de setembro estaremos participando no encontro Músicas do Minho, xunto con outros sete artistas da Galiza e seis de Portugal.

A.C.: Ademais, nos directos que estivemos facendo durante o verán e que iremos facendo tamén tocamos varios temas novos que non están no disco.

H.R.: E por último tamén temos gravado un pequeno acústico que cremos que vai gustar moito, mais aínda non ten unha data de saída que poidamos confirmar, polo que tamén animamos a xente a estar atenta a esta novidade.

Comentarios