O espectáculo 'Luaº', da compañía Ancorae Danza, chega á Galiza esta sexta feira

Bailar na sinerxía contemporánea do flamenco coa tradición musical galega

A compañía con base en Barcelona Ancorae Danza trae á Galiza a súa primeira creación, un espectáculo arredor dos corpos femininos no que o flamenco recibe a influencia da música e o baile tradicional galego. Esta exploración contemporánea apunta como futura liña de traballo do grupo que dirixe Andrea Jiménez.
Lua [Mar Badal©].
photo_camera Lua [Mar Badal©].

Mesturar os ritmos do flamenco con música e baile tradicionais galegos resulta cando menos insólito. Esta é a orixinal proposta que viaxará por primeira vez á Galiza, da man de Ancorae Danza, compañía residente en Barcelona, esta sexta feira 4 de setembro.

Luaº constitúe a carta de presentación dun colectivo que dirixe a coreógrafa Andrea Jiménez, estreada recentemente no Festival Grec de Barcelona e gañadora do Primeiro Premio de Danza de l'Institut del Teatre de Barcelona 2019. O título en galego deste espectáculo de danza con cinco bailarinas en escena fai referencia á transcendencia que os ciclos lunares teñen na concepción dunha dramaturxia que coloca a través deles o ciclo mentrual no centro, segundo explica Jiménez a Nós Diario.

O título en galego deste espectáculo de danza con cinco bailarinas en escena fai referencia á transcendencia que os ciclos lunares teñen na concepción dunha dramaturxia que coloca a través deles o ciclo mentrual no centro

Esta viaxe conceptual parte do flamenco, área na que ela está especializada, mais para investigar a sinerxía con outras danzas de raíz, unha filosofía que a coreógrafa sitúa como cerna da súa compañía e liña a transitar no futuro, nun marco de exploración da linguaxe contemporánea. Entre estes rastros doutras danzas cobra especial peso a galega, que se manifesta tamén con claridade na composición musical, a cargo da que se atopa o galego Mario G. Cortizo.

Ensamblaxe electrónica para conectar tradicións

O compositor dezano afincado en Barcelona introduciu numerosos elementos de raíz galega na banda sonora de Lua°, incluídas gravacións de campo tiradas do Arquivo do Patrimonio Oral Inmaterial (APOI) do Museo do Pobo Galego. Así mesmo, podemos escoitar unha cantaora de Huelva interpretando coplas galegas en estilo flamenco. Segundo conta Jiménez, foi un reto integrar estas dúas fontes sen caer do lado da "fusión", algo que desde o comezo quixeron evitar.

Segundo conta Jiménez, foi un reto integrar estas dúas fontes sen caer do lado da "fusión", algo que desde o comezo quixeron evitar

Tratouse máis ben de procurar a sinerxía, de conseguir ese punto de equilibrio no que as músicas se "tinguen" mutuamente. Neste senso, indica que unha parte importante do traballo fíxose sobre as letras de dúas coplas en concreto, a partir das que "se creou a peza enteira". Pois é xustamente a tradición oral a parte que teñen de conexión as diferentes músicas da Península e ese era o "link entre o flamenco e galego" que trataban de achar.

Así xorde a electrónica como "ensamblaxe entre norte e sur, contemporaneizando tamén a música", cun traballo sutil no que se xoga coa indeterminación da orixe dos sons. Neste contexto, a métrica do flamenco aparece como escusa para crear as composicións por riba, de maneira orgánica.

Orixes galegas e andaluzas

A familia materna de Jiménez é galega, da zona de Monforte, polo que a propia directora medrou moi apegada ás sonoridades da gaita e a pandeireta, aínda que seducida polo flamenco -a outra banda da súa familia é andaluza- non chegou a afondar máis nas nosas músicas. Malia estar especializada nese estilo, "gústame bailar de todo", indica, "calquera música que teña unha raíz, que forme parte dun pobo e da tradición".

Tender pontes

Luaº chega ao noso territorio en Merza (Vila de Cruces), no Centro de Creación Odaiko, nun encontro que se artellará en dúas partes. Ás 17 horas a propia Jiménez conducirá un obradoiro que pretende achegar ao corpo, calquera que sexa, a corporeidade e a sonoridade flamencas a través da conciencia espacial e rítmica e, á súa vez, estabelecer relacións con outros bailes e estilos musicais para que cadaquén poida construír o seu propio prisma flamenco.

A continuación, Ancorae ofrecerá unha pequena mostra de Lua° para divulgar a súa metodoloxía de traballo, dar a coñecer algúns segredos sobre a idea e o proceso de creación e manter unha conversa con profesionais do circuíto da escena artística contemporánea galega.

Jiménez concíbeo como unha procura de feedback, case máis a modo de "ensaio aberto" que como unha exhibición. O obxectivo desta cita é "tender pontes" entre a escena galega e a catalá, sobre todo nun ano tan insólito coma este, para intercambiar impresións sobre como se está a xestionar a Covid-19 no sector.

Comentarios