Música

Mario G. Cortizo: "Trasladamos o que está a pasar nos torreiros"

Baile, festa e tradición. Tal é a promesa da Banda de Lombás, unha formación que nace para reivindicar esas formacións de vento madeira e metal "que facían as verbenas antes das grandes orquestras". O repertorio mestura gravacións de campo con composicións propias. O director, Mario G. Cortizo, fálanos da procura de novas sonoridades para actualizar a tradición.
A Banda de Lombás
photo_camera A Banda de Lombás

Hai unha historia moi bonita detrás dese nome, non?

Si, eu a verdade é que levo vendo este tipo de bandas desde pequeno en Lalín, de onde son meus pais. O filme A lingua das bolboretas e os contos de Manuel Rivas do que parte sempre me inspiraron moito. Cando estabamos a voltas co proxecto puxémonos a reler o relato "Un saxo na néboa" do libro Que me queres, amor?, e realmente describe o que somos. Oito músicos que van polas aldeas facendo estas verbenas bailábeis. Esa é a idea que queremos recuperar e por iso nos inspirou tanto ese nome. E tamén o imaxinario das músicas que fan no filme. Iso é o que estamos a facer desde unha óptica contemporánea.

É iso o que os caracteriza?

Si, facer as cousas coma antes, pero cunha ollada actual a nivel da sonoridade dos ventos, das harmonías e, sobre todo, do tratamento da percusión. Usamos instrumentos presentes na música tradicional e nas bandas, pero tocados con técnicas contemporáneas que permiten crear máis liñas de voces e demais, con moitas capas.

Esta ollada contemporánea trasládase tamén á estética.

Queremos que a xente vexa a estética como unha cousa orgánica. Trátase de respectar a tradición como fonte, pero dándolle un aire novo. Durante moitos anos viuse o baile e a música tradicional como unha cousa moi encorsetada. Porén, por sorte, nos últimos tempos as cousas están mudando, especialmente coa aparición do baile espontáneo nas festas. Para min, que levo 12 anos en Barcelona, é unha marabilla volver e ver as prazas cheas de xente a danzar música tradicional de xeito espontáneo

Quixemos inspirarnos na estética da roupa tradicional para o deseño que nos fixo a catalá Miriam Alemany, dándolle outra volta. Así, por exemplo, temos prendas intercambiábeis. Eses panos que normalmente son femininos, por que non poñelos nun home? Ou ao revés, o chaleco, habitualmente masculino, por que non poñelo nunha muller? Aleatoriamente e rompendo as barreiras de xénero, que é o que se está a facer no baile.

Pódese ver no videoclip que estreamos, non hai filas marcadas de homes por un lado e mulleres polo outro. No agarrado, hai quen nos comenta positivamente que aparezan dous homes bailando, pero non foi unha cousa guionizada. Simplemente convidamos as bailadoras e bailadores a unha festa e pasou así. Isto é o bonito que acontece coa música e co baile tradicional, desaparecen os complexos para facer unha cousa adaptada aos tempos. Nós limitámonos a trasladar o que está pasando nos torreiros do país. 

Comentarios