O audiovisual imponse como garante da "primavera das letras" de Xela Arias

A Real Academia Galega premia tres colexios (CEIP Carballal, CEIP Manuel Mallo Mallo e CEIP Souto-Donas) polas súas propostas sobre a poeta.
Representantes da RAG coas delegacións dos colexios premiados. (Foto: RAG)
photo_camera Representantes da RAG coas delegacións dos colexios premiados. (Foto: RAG)

Un videoclip, unha reportaxe audiovisual e unha explicación in situ foron merecedoras dos premios do concurso Contádenos o Voso Día das Letras, que a Real Academia Galega (RAG) promoveu este ano nos centros educativos galegos para homenaxear a poeta Xela Arias no marco do proxecto dixital Primavera das Letras. 

Con esa miradas máis nova sobre a figura e a obra de Xela Arias, achegada por 125 colexios do país cos premios nos centros do Carballal (Marín), Manuel Mallo Mallo (Lugo) e Souto-Donas (Gondomar), a Academia fechou a axenda de actividades das Letras Galegas dedicadas a Arias. 

Esta segunda feira decorreu na sede da Coruña a entrega de premios, na que participaron tanto o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, como a académica que se ocupa do portal para as crianzas, Fina Casalderrey. Acompañados de Amparo Castaño, Darío Gil Arias e Marcos Arias Castaño, nai, fillo e irmán da escritora, editora e tradutora Xela Arias, escoitaron as ideas que ocuparon parte do ano nas aulas. 

O videoclip volveu triunfar, neste caso da man do CEIP do Carballal que xa levara premio cando a lembranza fora para Carlos Casares (2017). O colexio de Marín escolleu ese formato, entre outros, e rodou un pequeno filme protagonizado polo alumnado de 4º e 6º de primaria titulado Canto sei!

A peza comeza cunha dramatización inspirada en Non te amola!, a obra narrativa da protagonista das Letras Galegas 2021 que permanecera inédita até este ano, e baséase nun poema de Darío a diario, o poemario que a autora publicou sobre a súa experiencia como nai. 

“Non producimos este tipo de actividades de cara a presentalas a ningún concurso ou certame. Facémolo para espallar a cultura galega dunha forma lúdica e amena”, concretaron as profesoras.

O CEIP Manuel Mallo Mallo tamén escolleu a linguaxe audiovisual para celebrar a data sinalada. As estudantes máis pequenas déronlle forma con plastilina a un relato de Non te amola! e outros cursos gravaron representacións teatrais de dous contos do mesmo libro. A delegación comentou o seu desexo de que haxa “mil primaveras máis para a nosa lingua”.

No Souto-Donas, fixeron diversos traballos para concluír que a poeta "foi unha muller comprometida co idioma, coas mulleres, coa natureza, a ecoloxía e o pacifismo, unha defensora das causas xustas. Definiuse a si mesma como inconforme, o que se reflicte na súa obra".

Comentarios