A Xela "loitadora que se espiu na escrita" gaña espazo na axenda da RAG

O simposio sobre Arias achega a autora "temeraria" ao público. Aliás da xornada decorrida esta quinta feira, están previstos novos relatorios organizados pola Real Academia Galega os días 18 e 25 de novembro.
Iglesias, Freixanes, Gil Arias e Do Val, no decorrer do acto da RAG. (Foto: Nós Diario) #rag #xelaarias #letrasgalegas
photo_camera Iglesias, Freixanes, Gil Arias e Do Val, no decorrer do acto da RAG. (Foto: Nós Diario)

A figura -ou mesmo lenda- da autora protagonista das Letras Galegas deste ano, Xela Arias, volve presentarse ao público, desta vez grazas ao simposio organizado pola Real Academia Galega (RAG) que deu comezo esta quinta feira. A cita divídese en tres xornadas dedicadas á vida, á voz poética e ao seu papel na tradución e noutras artes máis aló da escrita. 

Na estrea deste novo espazo na axenda cultural da RAG, as e os relatores falaron da "muller loitadora e temeraria que non se deixou levar nunha pola covardía". Aludindo á súa decisión de espirse na escrita, nesta quinta feira foi momento de indagar na súa vida e no seu compromiso. 

"Xela Arias significa un vento fresco na poesía e na creatividade galega das derradeiras décadas do século pasado", sinalou antes do comezo das diferentes quendas o presidente da Academia, Víctor Freixanes

No seu discurso, engadiu que a homenaxeada deste ano nas Letras Galegas "representa tamén o pulo e a creatividade dunha xeración, especialmente importante na renovación do discurso cultural na procura de novas formas de modernidade".

Após Freixanes, forneceron ao público as súas impresións o fillo da autora, Darío Gil Arias, e as que foran as súas amigas, a profesora da Universidade de Vigo Ana Iglesias e a escritora Marga do Val. 

O primeiro revelou: "Este ano fixo que me achegase aínda máis á miña nai e descubrise perfís até o momento descoñecidos para min".

"Ademais de natural, fronte ao impostado e opulento, e libertaria, ela sempre foi unha loitadora", reflexionou, após lembrar que ía canda ela a actos, encontros ou movementos como Nunca Máis. 

Para a escritora e colaboradora de Nós Diario, Marga do Val, Arias foi un corpo en rebeldía que dinamitou fala e espazo. "Entrou no texto e foi texto, destruíndose(nos) e deconstruíndose(nos), coa marxe e na marxe, tamén dinamitadora da fala". Aludindo a algunhas das súas obras, comentou a "revolución estética contra ao puritanismo" ou a súa representación "negra por elección". 

Pola súa banda, a docente Ana Iglesias destacou que "as escollas vitais de Xela Arias van conformando unha persoa que non se deixa arrastrar polo estabelecido e que é quen de ir contracorrente, aínda que iso conduza ás veces á soidade e o individualismo". 

As novas citas terán lugar o 18 e o 25 de novembro. Participarán María Xesús Nogueira, Chus Pato, Alba Cid, Manuel Bragado, Ana Luna, Belén López Rodríguez e María Yáñez. 

Comentarios