As asociacións da memoria volven á illa de San Simón para homenaxear o "exilio invisíbel"

Un ano máis, as asociacións de recuperación da memoria histórica agrupadas na Iniciativa Galega pola Memoria volven á Illa de San Simón no domingo máis próximo ao día 18 de xullo para homenaxear ás vítimas da represión franquista. Desta volta, será o exilio invisíbel. 

Día da Memoria na Illa de San Simón
photo_camera Día da Memoria na Illa de San Simón

Foran moitas as persoas que tiveron que marchar a consecuencia do franquismo mais non aparecen na listaxe de exilad@s. Son fillos e fillas, persoas ás que lle quitaron o traballo, á que non se lle recoñeceron os estudos... marcharon porque non podían respirar mais os seus nomes non forman parte das persoas represaliadas. A ese "exilio invisíbel" diríxese a homenaxe que este ano tributarán as asociacións de recuperación da memoria histórica no acto anual que se desenvolve na Illa de San Simón. Moitas non puideron regresar xamais, outras fixérono tarde e en silencio. Agora, a Iniciativa Galega pola memoria vai homenaxear ao "exilio invisíbel"  no acto anual que se desenvolve o domingo máis próximo ao 18 de xullo, desta volta o 19, no que se homenaxea ás vítimas da represión franquista. 

Para asistir é preciso anotarse previamente a través das distintas asociacións  membros da Iniciativa Galega pola Memoria pola xestión do traslado á illa desde o peirao de  San Adrián de Cobres. O acto central terá lugar ás 12:00 horas e a saída da illa producirase sobre as 13:00. Na homenaxe  intervirán represantes das asociacións que reflictan esta temática ademais de Darío Rivas, que vén desde Bos Aires para asistir á iniciativa pola memoria. 

As homenaxes nacionais ás vítimas da represión na Illa de San Simón comezaron a realizarse en 2006, Ano da Memoria, organizadas pola Consellaría de Cultura da Xunta da que era titular a nacionalista Ánxela Bugallo. No 2009 o PP eliminou a conmemoración e, con elas, as exposicións sobre a historia do campo de represión que se prepararan para a illa. Foi entón cando as asociacións de recuperación da memoria decidiron continuar coas homenaxes nacionais anuais e, desde entón, convocan o Día da Memoria cada ano no domingo máis próximo ao 18 de xullo para lembrar e homenaxear ás persoas que tiveron que sufrir o terror do franquismo. 

Comentarios