[VÍDEO] Así é 'Retorno Arnoia', o videoxogo baseado nunha novela de Méndez Ferrín

O xogo está inspirado no cuarto capítulo da novela 'Arnoia, Arnoia'.
Integrantes do equipo que desenvolveu o proxecto. (Foto: Europa Press)
photo_camera Integrantes do equipo que desenvolveu o proxecto. (Foto: Europa Press)

Un grupo de nove estudantes da Universidade de Vigo desenvolveu e deseñou Retorno Arnoia, un videoxogo inspirado na obra escrita polo escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, Arnoia, Arnoia.

O estudantado creou o proxecto durante a Residencia Comtecart, unha experiencia de innovación docente que integra as titulacións universitarias en Comunicación, Tecnoloxía e Arte da Universidade de Vigo (UVigo), no marco da segunda edición das Residencias Artísticas do Gaiás (Rega 22).

"A iniciativa integra diferentes perfís profesionais e permite que o traballo das e dos estudantes saia das aulas", aseverou a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, durante a presentación esta quinta feira do resultado final.

O cuarto capítulo da novela 'Arnoia, Arnoia' inspirou o xogo

Pola súa parte, o representante da Fundación Curros Enríquez de Celanova e "cerebro" da idea, Antonio Piñeiro, destacou a "importancia" desta iniciativa desde o punto de vista cultural. "É unha boa forma de divulgar a obra de Méndez Ferrín", sinalou.

Do papel á pantalla: así se xoga a 'Retorno Arnoia'

Baixo o nome de Retorno Arnoia, o prototipo narra a viaxe e aventuras do protagonista Nmógadah —abreviado en Mógah—, un dos Príncipes Secretos das terras de Arnoia, logo de que un pobo veciño invadise a súa terra e fose forzado ao exilio. O videoxogo está inspirado no cuarto capítulo da novela, que transcorre nunha mina onde o protagonista quedou atrapado.

"É un xogo de escape de plataformas; o obxectivo, basicamente, é escapar da mina, esquivar os obstáculos e derrotar aos inimigos", sinalou a estudante Paula Balea, unha das responsábeis da área de arte do proxecto xunto a Nicolás Juncal.

O equipo de programación —encargado da parte tecnolóxica— estaba integrado por Cristina Lavadores, Paula González, Eloi Pena e Samuel Rodríguez. Aliás, Yuri Salgado, Sofía Neira e Nerea Martínez encargáronse da área de deseño.

Comentarios