As compañías de improvisación teatral do país conflúen en Compostela

O I Campionato de Improvisación Teatral Galego, que arrincou o pasado 11 de maio, rotará por distintos garitos do casco vello cada sábado. A final resolverase o 15 de xuño no Teatro Principal

Improvisación teatral en Compostela
photo_camera Improvisación teatral en Compostela

A improvisación teatral xa ten o seu espazo e o seu público, após 2 anos de éxitos no bar compostelán O Camalea. Esta forma de facer teatro no arame, pura intuición, é todo un espectáculo e, alén do mais, agora vai ter a súa propia competición, o I Campionato de Improvisación Teatral Galego cuxo organizador e presentador, en conversa con Sermos Galiza, afirma que ten sido un reto “xuntar as distintas compañías de improvisación” do país para lles dar “visibilidade”. 

As  compañías protagonistas son a compostelá The Momentos, a coruñesa Los Duguis e a viguesa Improperio. Tras arrincar o pasado 11 de maio no Camalea, o campionato vaise desenvolver os sábados até o 15 de xuño. 

Cada compañía achega unha parella de actores e actrices a esta liga de improvisación. Os cuartos de final vanse disputar nos locais do casco histórico Garigolo, Ultramarinos e O Ateneo 30. As semifinais terán como palco o bar Zona 0 e a grande final resolverase no Teatro Principal “para o proxecto se abrir a un público que non adoita acudir aos bares para ver este tipo de espectáculos”, explica  Antón Coucheiro.

Nestes encontros, coñecidos como 'catchs', a participación do público tórnase fundamental para dirixir as interpretacións. Atopamos os seus antecedentes no Chicago e no Toronto dos anos '50, mais a improvisación comezouse a misturar coas lóxicas da competición nos 70', cando estes xogos incorporaron regras importadas do hockey sobre xeo. 

“A inter-actuación é total, os improvisadores crean historias a partir das propostas do público e resolven escenas a un ritmo vertixinoso e hilarante”, explica o humorista e cómico Antón Coucheiro. Malia todo, é complicado explicar as súas dinámicas regras. “Para o entender, hai que ir a velo”, conclúe o seu presentador. 

Programa


11 MAIO.BAR CAMALEA 22:30 horas
Los Hijos de Marisol VS. Las FrikiManga
(Alfonso Medina y Dani Blanco //// Noemí Miranda y Marta Iglesias)

18 MAIO CAFÉ-BAR GARIGOLO 22:30 horas
McCarras VS. Curas Matrix
(Miguel A. Canalejo y Omar Ferrín /// Aitor Garuz y Olalla Tesouro)

25 MAIO. ULTRAMARINOS 22:30 horas
Las Catequistas VS. Viajeros del Tiempo
(Marita Martínez y Lucía Veiga /// Arturo Cobas y Akira Valero)

30 MAIO. O ATENEO TRINTA 22:30 horas
Los Agentes Secretos VS. Los Loosers
(Sandra Varela y Antonio Delgado /// (Grupo aínda sen confirmar)

1 XUÑO ZONA C 21:00 horas
Primeira Semifinal

8 XUÑO ZONA C 21:00 horas
Segunda Semifinal

15 XUÑO TEATRO PRINCIPAL 21.00 horas
Finalísima ImproChampios League 

Prezos e entradas

Os prezos son de 4 euros nos locais das eliminatorias, 6 euros nas semifinais na Zona C e 8 euros a final no Teatro Principal. Haberá un bono total, os 7 espectáculos por 25 euros, e un bono para as semifinais e final 15 euros. As entradas das roldas eliminatorias mercaranse en cada un dos locais ese propio día. As entradas para a as Semifinais, a Final e os bonos poderanse mercar na Regadeira de Adela, na Zona C, no Teatro Principal ou nos locais das eliminatorias o propio día das actuacións. 

Comentarios