Arancha Nogueira, Lois Alcayde e Benjamín Vidal reciben os premios literarios da USC

Mapa mudo, unha composición de Arancha Nogueira que “poetiza a memoria da súa intimidade cunha linguaxe depurada”, obtivo o primeiro premio do Concurso Literario Mazarelos organizado pola Facultade de Filoloxía da universidade compostelá. Esta cuarta feira 12 de decembro recibe o galardón.
 

Lugar_-_Falcultade_de_Filoloxía_USC
photo_camera Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Foto: Galipedia.

No acto, que será ás sete do serán no salón de actos do centro, tamén estarán os gañadores do segundo e terceiro premio, Lois Alcayde e Benjamín Vidal. Alcayde foi distinguido por Xente da crise, do que o xurado salientou “a frescura do seu estilo e o seu esforzo en construír unha linguaxe propia nunha obra que se revela testemuña do seu tempo”.

Do van é o título do poema de Vidal, “en que destaca o contraste entre unha linguaxe aparentemente sinxela e unha maior carga conceptual”.

Os escritores Suso de Toro e Yolanda Castaño, as profesoras Laura Logo e Francisco Dubert e mais a gañadora do pasado ano, Laura Camino, conformaron o xurado. De Toro e Castaño realizarán ademais, en febreiro de 2019, “unha xuntanza de mentorización lietraria” aberta aos galardonados e galardonadas nas catro edicións do concurso, que promove a Comisión de Normalización de Filoloxía da USC “para fomentar a creatividade da mocidade universitaria e o desenvolvemento da súa capacidade de expresión, así como contribuír a descubrir potenciais figuras neste eido da cultura”.

No acto do 12 de decembro estarán os membros do xurado, varios cargos da universidade e da Xunta e actuará o músico Guille LP.

Comentarios