Entrevistamos Anxo Moure (o Apalpador)

"Fronte á masculinización das personaxes de Nadal, é necesario introducir a Apalpadora"

Anxo Moure é o Apalpador. Cando menos, nos espectáculos que leva anos oferecendo para dar a coñecer entre as crianzas de todo o país esta personaxe da serra do Courel, recuperada como unha forma propia de celebrarmos o Nadal. Escritor e contacontos, enfoca o seu traballo de divulgación cara aos valores do ecoloxismo e o ecopacifismo, aproveitando a figura do carboeiro de maneira pedagóxica.
Anxo Moure caracterizado de Apalpador (Irene Pin)
photo_camera Anxo Moure caracterizado de Apalpador (Irene Pin)

Como comezou a interpretar o Apalpador?
Chamáronme das terras dos Ancares porque coñecían o meu traballo de Carballo con botas. Querían recuperar a figura do carboeiro e convidáronme a unha feira que facían para a que construín esta personaxe da montaña de Lugo vinculándoa ao mundo da natureza e da ecoloxía.

Construín esta personaxe da montaña de Lugo vinculándoa ao mundo da natureza e da ecoloxía

Como se constrúe a personalidade deste Apalpador?
O elemento fundamental penso que é a barba. Constrúoa tamén a través do traxe tradicional, a vestimenta popular que levaba a xente con pantalón de pana, chaleco, camisa, a pucha ou boina, os zocos e o caxato. Busco algo que sexa moi plástico e ao mesmo tempo moi naturalista, que sería a antítese dese Papá Noel que se viste nas tendas de todo a cen ou nos comercios que oferecen todo procedente da explotación laboral dos pequenos doutros países. O meu Apalpador vístese na feira que se vai apoiando despois nun burro de madeira de bidueiro tamén coa reciclaxe dun bocoi de viño. Plasticamente queda moi gravada na cabeza e as crianzas fana como propia. Anxo Moure Apalpador (Irene Pin)

Percebe un incremento de demanda do espectáculo?
Sempre poño énfase no labor das mestras de educación primaria, que xa teñen creado, reivindicado e recuperado espazos de festexo propios como o Samaín. Grazas a elas, a recuperación do Apalpador, sobre todo a nivel escolar, é absolutamente impresionante. Neste momento, eu teño tres proxectos distintos con esta figura. Desde Contos Solidarios oferecemos unha Apalpadora —Antía Vázquez—, un Apalpador —que son eu— e un mozo Apalpador —o meu propio fillo. Este ano cubrimos datas desde 5 de decembro até 4 de xaneiro. Está desbordado completamente. Que unha personaxe procedente da montaña de Lugo, descoñecida até hai tan pouco, ocupe as escolas, os concellos, mesmo a Deputación de Pontevedra... É impresionante. Especialmente se o comparamos, por exemplo, coa recuperación do Olentzero en Euskadi, que vén dos anos 50, mais aquí hai quince anos pouca xente celebraba o Apalpador.

Este ano cubrimos datas desde 5 de decembro até 4 de xaneiro. Está desbordado completamente

Por que deciden introducir a Apalpadora? Hai testemuños desta figura feminina?
Eu non coñezo moito sobre se hai testemuños. Porén, fronte á masculinización das personaxes de Nadal, é necesario. Porque realmente a grande protagonista da montaña con respecto á educación das nenas e dos nenos era a muller. Por iso nós sempre levamos unha Apalpadora. No espectáculo masculino poñemos unha cativa que fai de Apalpadora. Porque sempre dicimos que quen mellor apalpaba barrigas era mamá. Antía traballa no noso espectáculo, pero hai moitas outras mulleres que exercen o papel, comezando polas propias mestras de primaria, que son as grandes recuperadoras.

Cal é a necesidade de recuperar esta festa?
Eu vexo unha necesidade de cara á posta en valor desde uns contos que sempre son pedagóxicos. Poñemos no foco a aldea, a natureza e a vinculación do ser humano con ela, o castiñeiro, espazos de gran diversidade biolóxica como son os Ancares, o Courel ou a montaña ourensá, onde colle o nome de Pandigueiro. Eu cando menos, como ecoloxista, penso que reivindica tamén o anticonsumo a través dos agasallos alternativos, xoguetes de madeira e tradicionais. É tamén unha personaxe que aproveito para contar a historia da fame na Galiza e das desigualdades sociais. É unha figura que ten un contido moi pedagóxico.

Papá Noel é un Apalpador emigrado da serra do Courel

Serve para desenvolver moitos puntos tocantes coa nosa identidade.
Si, sobre todo nunha Galiza que está baleirada no interior. Eu vexo esa realidade, pois levo 31 anos de contacontos e pasei por moitos colexios. É importante tamén que non se perda esa raíz. Ademais, é unha personaxe ao mesmo tempo universal. De feito, eu sempre digo ás crianzas que Papá Noel é un Apalpador emigrado da serra do Courel. 

Comentarios