CONTRACULTURA

Antón Sobral: "Nalgunhas das miñas pinturas utilicei cores fortes e vibrantes que lembran moito o mar de ardora"

Antón Sobral inaugura 'Ardentías, xerfas e silencio'
Antón Sobral adoita combinar a súa pintura coa poesía. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Antón Sobral adoita combinar a súa pintura coa poesía. (Foto: Nós Diario)

Antón Sobral fusiona a poesía e a pintura na exposición 'Ardentías, xerfas e silencio', situada na Sala Nauta do Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo e que recolle diversas interpretacións do artista arredor do mar.

Por que o título 'Ardentías, xerfas e silencio'?

Levo 50 anos traballando e levando o mar por aí, desde Nova York até Viena. Nalgunhas destas pinturas utilicei cores fortes e vibrantes que lembran moito o mar de ardora, por iso quixen mencionalas no título. No caso dos outros dous conceptos utilizados no título, hai uns anos o poeta Xaime Toxo e eu publicamos Caderno do mar, un caderno de bitácora que realizamos despois de percorrer as praias de Portugal até Faro e as do norte, bordeando toda Galiza até chegar a Donostia.

Nesta obra traballamos moito as xerfas, a escuma das ondas fortes, que é algo que a min me dá moita tranquilidade. Ocórreme algo similar que cando vou á Costa da Morte: a forza do mar que transmite calma e acougo. 

Iso é o que quero nos meus cadros e o que me gusta ver tamén cando vou a grandes exposicións, observar a tranquilidade das obras. Aínda que eu tamén participo en festas, considero que habitando nun mundo tan ruidoso hai que ter ese contraste coa calma, co silencio. 

Na Galiza temos a sorte de contar con moitos espazos así, aínda que Sanxenxo non é o mellor exemplo nestas datas, mais, por exemplo, hai uns días estiven pola zona de Ferrol e en praias de varios quilómetros só se contaban 20 persoas. Como seres humanos precisamos ese descanso, por moito que nos guste a compañía. 

Precisamente, na inauguración facía referencia ao romanticismo, que tamén fai esta conexión entre a forza da natureza 
e as emocións.

Claro. É un movemento de adoración da natureza e eu sempre sentín moita fascinación por figuras como Caspar David Friedrich ou Joseph Mallord William Turner. De feito, cando fun a Londres estiven tres días admirando a obra de Turner, mentres que as persoas que viñeron comigo vían outras cousas. Quedei completamente fascinado e despois cheguei a facer unha serie con todo o que me inspirara. Son artistas que no seu tempo eran moi modernos e o que eu quero facer é unha especie de neorromanticismo. 

Desde o meu traballo como activista cultural no Ateneo de Pontevedra ou na Asociación O Galo, tamén levo 20 anos traballando arredor da arte e da natureza, facendo encontros... Hai catro ou cinco anos fixemos o primeiro encontro para os baños de bosque, o que os xaponeses chaman shinrin-yoku e que xa teñen integrado como unha terapia. Fomos os pioneiros na Galiza e agora non son tan raros. Trátase de coller os cinco sentidos, meterse nun bosque e traballar desde aí para facer tamén as obras de arte. Aquí temos a sorte de que temos bosques ao lado das praias, non se pode pedir máis. Aínda así, tamén intento concienciar sobre os eólicos e como pouco a pouco imos perdendo esta marabilla que temos. É unha loita continua contra os que intentan acabar coa natureza. 

Levamos tempo organizando un intercambio entre Marín e Estrasburgo, traemos artistas de alá e levamos artistas da Galiza, e precisamente a raíz destes intercambios agora teño varias amigas alemás que xa mercaron casa aquí. Temos un paraíso en todos os eidos e por iso é importante coidalo, tanto a nivel de natureza como a nivel cultural e de defensa da lingua, porque é o que forma a nosa identidade. A cultura é en primeiro lugar un encontro comigo mesmo e despois un encontro cos demais. 
 
Como está sendo a acollida da mostra?

O Círculo Deportivo Cultural Sanxenxo, que leva Paco Hernández, ten un espazo moi grande para organizar este tipo de eventos. Durante o verán, que é a época do ano máis forte a nivel turístico, convidan artistas importantes a facer as súas exposicións e cando Paco me contactou para pór en marcha esta mostra non puiden máis que aceptar encantado. 

Alégrame moito poder facela nesta época precisamente porque pasa moita máis xente que se a fixéramos durante o inverno. Ao final, cando expós o que queres é que a xente vexa o que fas. 

Comentarios