Máis

Antas nas beiras de Muíños

Unha volta ao pasado da Baixa Limia.
A Casiña da Moura, un dos megálitos senlleiros e máis coñecidos da contorna do encoro de Salas (Muíños, na Baixa Limia).
photo_camera A Casiña da Moura, un dos megálitos senlleiros e máis coñecidos da contorna do encoro de Salas. (Muíños, na Baixa Limia)

Moi perto da fronteira con Portugal, A Baixa Limia ofrece moitos lugares cheos de maxia, algúns deles descoñecidos pola maioría da poboación. Atopalos é máis doado do que pode parecer. Se existe a curiosidade pola vida dos nosos antepasados, facer este pequeno percorrido a pé pode ser unha boa opción para aproveitar algunha xornada calma de verán.

Como punto de partida, hai que chegar até a necrópole de Outeiro de Cavaladre, entre as aldeas de Guntumil e Maus de Salas, no concello de Muíños. Aquí, pódense atopar dúas mámoas, visíbeis e con paneis informativos. Estes enterramentos individuais son só a punta do iceberg, xa que é un lugar que aínda vive nunha fase de descubrimento e catalogación de novos vestixios.

No concello de Muíños atópanse moitos testemuños ben conservados da época neolítica

Rematado o tempo que se precise no xacemento, toca camiñar cara á parroquia de Maus de Salas e após cruzar as súas rúas, seguir ao redor do encoro de Salas até que faga 'a súa aparición' no horizonte uns dos pratos fortes deste roteiro, a anta da Casiña da Moura.

Aínda que o emprazamento actual deste megálito non é orixinal, polo seu traslado coa realización do encoro, pasou o mesmo no templo exipcio de Abu Simbel, a súa construción data de hai 5.000 anos.

Xusto ao carón del, está a anta de Corredor, en peor estado de conservación. E en liña recta, chégase ao remate deste itinerario cun pequeno complexo de mámoas como as de Munixeito ou da Casola do Foxo. Están ben conservadas e contan con carteis informativos.

Tamén, xusto alí, sobresae un elemento realmente curioso e importante na época pasada: o Foxo do Lobo, un recinto circular de pedras feito de tal forma que os lobos entraban na 'trampa' pero non podían saír.

A partir de aquí, hai dúas opcións, ben retornar polo mesmo sendeiro, ou ben facer a volta completa ao encoro até chegar de novo, vía Requiás, á necrópole onde comezou este roteiro.

De calquera maneira, en total son 12 quilómetros cunha pendente suave e sen dificultades á hora de percorrer estes camiños, polo que calquera está máis que convidado e convidada a realizar unha volta xunto a fitos de tempos inmemoriais.

Comentarios