Florespiña é a canción galega candidata ao AI Song Contest, coñecido popularmente como o 'Eurovisión da Intelixencia Artificial' e que revive musicalmente a cantante Ana Kiro, falecida en setembro de 2010. A obra presentouse esta sexta feira no CiTIUS da USC e participaron no acto o director científico deste centro, Senén Barro; o responsábel da delegación galega no festival, Joel Cava; o encargado de produción musical, David Santos; o responsábel da produción técnica, Rubén Laso, e a responsábel de produción artística, Marta Verde.
Barro salientou que esta é unha "produción especial", sobre todo, porque na actualidade estase a falar moito dos aspectos negativos vinculados ao desenvolvemento da intelixencia artificial, mais este proxecto sería "todo o contrario" a iso. Pola súa parte, Cava detallou que quixeron facer esta canción para recuperar "unha figura tan importante" como a de Ana Kiro e para pór a IA "ao servizo da cultura galega".
O nome da canción, Florespiña, é unha homenaxe a Kiro, unha muller galeguista, progresista e feminista que defendeu "uns valores moi importantes nun contexto moi complicado", lembrou o responsábel da delegación galega.
Na miniatura do videoclip pódese ver a cara da cantante galega cuberta con toxos. Esta elección debeuse, segundo detallou Cava, a que é unha flor da Galiza que nace en lugares inhóspitos e é a primeira planta que nace nos terreos queimados. "É unha forma de representar ese rexurdimento galego, esa resiliencia como pobo que, a pesar das adversidades, sempre renacemos. Ana tamén tiña moito disto", precisou.

O tradicional e o actual, da man
O que fan na canción é mesturar o tradicional co que hoxe en día escoitan os mozos e mozas, pero sobre todo ese regreso de Ana Kiro 13 anos despois pondo nos seus beizos palabras que nunca dixo.
Nesta obra, que conta coa aprobación expresa e recoñecemento da familia, Kiro alenta os galegos e galegas a defenderen unha nova Galiza contra o sometemento, o conformismo e a autocompracencia. Unifica tradición e modernidade dando pé a un estilo propio no que conflúen a verbena, a música tradicional, o trap e a electrónica.
Esta canción competirá directamente contra unha decena de finalistas de todo o mundo na final deste concurso internacional que decorrerá na Coruña o sábado 4 de novembro. Na edición do pasado ano Galiza foi segunda grazas ao tema Ai-Lalelo.