[VÍDEO] A Galiza fica segunda no Eurovisión da intelixencia artificial

O tema 'Ai-Lalelo', imitando a participación das Tanxugueiras no Festival de Benidorm, foi o máis valorado pola audiencia e o terceiro que máis votos recibiu do xurado.
O certame decorreu na cidade belga de Liège esta cuarta feira. (Foto: Cecubo Group)
photo_camera O certame decorreu na cidade belga de Liège esta cuarta feira. (Foto: Cecubo Group)

Novo éxito internacional para a música galega, mais, desta volta, nun peculiar formato: cunha canción escrita por unha máquina. O coñecido como o Eurovisión da intelixencia artificial decorreu na cidade belga de Liège esta cuarta feira.

O tema co que competía a Galiza, 'Ai-Lalelo', do equipo Pamp!, ficou na segunda posición e obtivo a maior puntuación a través do televoto, algo que para as galegas e galegos resulta familiar, pois tamén as Tanxugueiras, no Festival de Benidorm de xaneiro, foran as vencedoras para a audiencia.

Este é o mellor resultado da historia deste certame para un equipo galego, mesmo para calquera candidatura presentada polo Estado español. A canción galega competiu contra outros 14 temas finalistas de distintos países. O tema 'Demons & Gods', do equipo Yaboi Hanoi (Tailandia) resultou a gañadora desta edición do certame na suma dos votos do xurado e do televoto.

O equipo tailandés foi primeiro no voto de xurado, mais sexto no televoto. Pola súa parte, o equipo de 'Ai-Lalelo' logrou a primeira praza no televoto e foi a terceira mellor segundo o xurado.

O xurado conformárono empresas tecnolóxicas e anteriores participantes do festival

O televoto e o xurado profesional conformaron en 50% cada un o veredicto final do certame. Concretamente, o panel de expertos formárono 30 especialistas en intelixencia artificial aplicada á música das principais universidades e centros de investigación tecnolóxica neste eido, empresas coma Google, Microsoft, Sony Music e Warner Music, así como anteriores participantes do festival.

"Para nós, o principal éxito foi crear unha canción en galego a través da intelixencia artificial. Chegar á final deste Eurovisión permitiunos amosar ao mundo o talento tecnolóxico e cultural galego", explicou Joel Cava, líder da iniciativa e responsábel creativo da axencia compostelá Cecubo Group.

A gala enmarcouse no Día da Intelixencia Artificial e a creación do cumio tecnolóxico Wallifornia Music & Innovation. O acto decorreu no espazo tecnolóxico e de emprendemento Le Grand Post de Liège, mais tamén se retransmitiu internacionalmente pola canle oficial do festival.

Comentarios