Ames nomea filla adoptiva, a título póstumo, a Rosalía de Castro

O pasado 31 de marzo, o Pleno aprobou por unanimidade o nomeamento de Rosalía de Castro, a título póstumo, como filla adoptiva de Ames mediante declaración institucional

Anxo Angueira e Blas García no acto desta segunda feira.
photo_camera Anxo Angueira e Blas García no acto desta segunda feira.

O auditorio da Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, acolleu un acto no que se recoñeceu a grande escritora galega como filla adoptiva do concello de Ames (comarca de Compostela). O alcalde de Ames, Blas García, participou neste acto de recoñecemento, xunto ao alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira

“A filiación de Rosalía a respecto de Ames é incuestionábel no aspecto literario e no biográfico polo que, de algún xeito, Rosalía é de Ames”, afirmou Angueira, “este xesto apoiado por toda a Corporación demostra que Ames tamén quere ser de Rosalía”. 

Blas García, celebrou este recoñecemento e felicitou a pasada Corporación polo acordo unánime que o pleno adoptou en marzo: “Para o Concello de Ames é unha honra ter sido partícipes da vida de Rosalía e, polo tanto, deixar pegada nas súas obras”. O rexedor de Ames agradeceu tamén ao presidente da Fundación, Anxo Angueira, a celebración deste acto que “non fai máis que resaltar a admiración pola figura de Rosalía de Castro”. 

 

O alcalde de Padrón, Anxo Rei, incide en que o legado de Rosalía “transcende fronteiras e ideoloxías e, polo tanto, é natural que todos aqueles municipios e entidades culturalmente sensíbeis teñan conta da súa contribución á cultura galega”.

García recordou tamén a andaina que o día 12 de outubro se celebrará e discorrerá entre Compostela e Ortoño para conmemorar o Centenario do Seminario de Estudos Galegos e que rematará coa lectura dun manifesto e unha ofrenda floral na placa fundacional do Seminario na casa de Rosalía.

 

Rosalía, filla adoptiva de Ames

O pasado 31 de marzo, o Pleno aprobou por unanimidade o nomeamento de Rosalía de Castro, a título póstumo, como filla adoptiva de Ames mediante declaración institucional. Dita proposta fundamentouse na relación do concello de Ames e as Terras da Maía coa vida e obra da escritora e nos méritos de pública notoriedade que concorren na súa figura. Así resaltouse a súa vinculación a lugares como as parroquias de Ortoño, Ames e Trasmonte, que exerceron grande influencia na poesía da autora.

 

Comentarios