Entrevista

Anxo Angueira: "A presenza social de Rosalía, na rúa e na escola, medrou exponencialmente"

"É un éxito de todos, pero especialmente dela, do vivos que están os seus grandes perfís como intelectual e escritora", declara Anxo Angueira (Dodro, 1961), que recunca como presidente da Fundación Rosalía de Castro. O escritor e docente repasa con 'Nós Diario' o traballo desta institución, que desde o seu acceso á presidencia en 2012 conseguiu afianzar a súa taxa de autofinanciamento, de 20% nese ano até 45% en 2019, un avance nesa independencia económica que para el "está na xenética da Casa de Rosalía".
Anxo Angueira preside a Fundación Rosalía de Castro desde 2012. (Foto: Xerais)
photo_camera Anxo Angueira preside a Fundación Rosalía de Castro desde 2012. (Foto: Xerais)
—Desde 2010 é vogal da Fundación. Como e por que chega a integrarse nela?

Fun proposto pola executiva existente daquela e elixido polo plenario en substitución de Avelino Abuín de Tembra, chorado veciño, artífice entre outras cousas da Ruta Rosaliana.

—Desde o seu acceso á presidencia en 2012 a Fundación pasou dunha taxa de autofinanciamento de 20% a 45% en 2019. Como foi isto posíbel?

Fixemos un traballo de dinamización, modernización e apertura en múltiples aspectos e aproveitamos o 150 aniversario de Cantares gallegos para darlle pulo a Rosalía e á súa Casa. A renovación a fondo que se fixo incrementou tamén o número de entradas e de vendas.

—Por que é importante ter esta independencia económica?

Pois por cousas como a pandemia deste ano. Sobrevivimos grazas á colaboración conseguida co proxecto Amigos da Casa de Rosalía. A independencia económica faite evidentemente máis libre. Pero neste sentido quero recalcar tamén que iso está na xenética da Casa de Rosalía. 

"A independencia económica faite evidentemente máis libre. Pero neste sentido quero recalcar tamén que iso está na xenética da Casa de Rosalía"

O proceso de compra ou de conversión en Casa-Museo fíxose como un proceso colaborativo, como unha causa nacional. Queremos volver a iso e, ademais, darlle a canle necesaria a moitas persoas para poderen participar do proxecto e implicárense na protección do que é un dos grandes emblemas que nos une.

—Tamén entre 2012 e 2019 as visitas á Casa-Museo medraron 260%. Como valora este dato?

Hai que valoralo moi positivamente, claro. Agora ben, o mérito non é exclusivamente da Fundación. Cómpre ter en conta a forza extraordinaria que nos últimos anos Rosalía adquiriu, non só na Galiza. A súa presenza social, na rúa e na escola, medrou exponencialmente.

"Cómpre ter en conta a forza extraordinaria que nos últimos anos Rosalía adquiriu, non só na Galiza"

E ese é un éxito de todos, pero especialmente dela, do vivos que están os seus grandes perfís como intelectual e escritora. E a Fundación ten que estar á beira deste fervedoiro e aberta á promoción e dinámica das súas enerxías.

—Cales son os obxectivos de cara aos próximos anos?

Un dos máis importantes obxectivos que temos agora mesmo diante é o da proxección internacional de Rosalía e da súa Casa. Xa levamos unha edición do programa Rosalía en Camiño, que trae a Padrón e á Galiza escritores de diferentes linguas e culturas, pero queremos tamén traballar nas traducións da súa obra e integrarnos nos programas europeos. Cómpre en todo caso estar no posíbel á altura da muller que temos a obriga de representar.

Se queres seguir a ler só tes que ir ao quiosque máis próximo polo Nós Diario ou facer a compra na nosa loxa online. Que non che volva pasar isto: tramita xa mesmo a túa subscrición!

Comentarios