Alonso Montero afirma que na RAG non hai "nin Bárcenas nin Urdangaríns", embora pida "máis transparencia"

Primeiras declaracións do candidato a presidir a Real Academia Galega á axencia Efe. Alonso Montero declara que na RAG non hai "nin Bárcenas nin Urdangaríns", embora pida maior transparecencia. A xuízo do veterano filólogo, de 85 anos, certa opacidade no funcionamento da institución explica a crise na que se acha.

Alonso Montero e Rosario Álvarez nun acto do CCG
photo_camera Alonso Montero e Rosario Álvarez nun acto do CCG

Alonso Montero lidera a candidatura do sector crítico con Ferrín, listaxe na que aparece como persoa forte Rosario Álvarez, aínda directora do Instituto da Lingua Galega.

@s críticos apóñenlle a Ferrín falta de transparencia quer no estado das contas da institución quer na política de contratación de persoal.

Porén, Alonso Montero quixo rebaixar o ton das críticas nunha entrevista coa Axencia Efe, á que dixo que na RAG ninguén se apelida "nin Bárcenas nin Urdangarín nin Sepúlveda", tres referentes neste momento da corrupción no Estado.

Aos seus 85 anos, o autor do Informe Dramático sobre la Lengua Gallega (1973) afirma que a súa candidatura, na que se integra tamén o teólogo Torres Queiruga, visa defender o prestixio da institución como "referente maior da lingua e a cultura" galega.

O catedrático emérito da Universidade de Vigo e vello militante do Partido Comunista de España cualifica de "bon amigo" ao seu rival na carreira por substituír a Ferrín, o tesoureiro da institución, Manuel González, aliñado co autor de Con Pólvora e Magnolias.

Comentarios