A Aldea do Couto prepárase para o Festiletras

Gañou por méritos propios o nome de Aldea das Letras. A Aldea do Couto está xa pronta para que do día 10 a 17 un novo Festiletras fará a aldea de Ponteceso a capital da música, as letras, o humor e a participación da veciñanza nun atractivo programa cultural.  

festiletras

Desde Víctor Freixanes -autor do pregoeiro- até Manuel Rivas, Yolanda Castaño ou Neira Vilas para facer da aldea capital literaria no mes das Letras. Guadi Galego, Amancio Prada, Lúa Chea de San Xoán, Samarúas ou Inllas na ampla oferta musical e Luís Davila ou Siro López para poñerlle humor a maio son algunhas das propostas que recolle o programa dun novo Festiletras que fará, máis un ano, da Aldea do Couto (Ponteceso) un dos máis dinámicos centros de conmemoración do mes das Letras. 

A conmemoración comezará o domingo á mañá cunha ofrenda floral na Fundación Pondal e o pregón de Víctor Freixanes. A seguir, a figura de Xosé Neira Vilas será a protagonista coa lectura da súa obra Nai por parte de Uxía Blanco e  o concerto de arpa de Roi Casal, que está a preparar un novo traballo con temas do escritor de Gres. Á tarde, o espectáculo “O espantallo amigo”, de Os Quinquilláns sobre a obra de Neira Vilas iniciará unha sesión que contará tamén coa presenza de Xosé Vizoso e o propio Neira Vilas. 

Monólogos e roteiros

Touriñán, Pereiro, Fede Pérez e Pepo Suevos ofrecerán monólogos á noitiña da primeira xornada do Festiletras que rematará coa actuación de Pandeiromus. Será a primeira das oito xornadas completas nas que, alén de presentacións literarias e concertos haberá espazos singulares como o duelo de regueifas entre Pinto D´Herbón e Caruncho con degustación gastronómica, cata de queixos, roteiro ornitolóxico, feira de artesanía, paseos en tren turístico ou roteiros pondalianos.  Xurxo Souto e Pazos de Merexo presentarán conxuntamente o libro sobre o acordeonista muxián.

“Pan de Millo” de Migallas, “O raposo e a mestra” de Rivas , un obradoiro de poesía para escolares de Yolanda Castaño ou “A cantar con María Fumaça” con Uxía son algunhas das propostas para público infantil do intenso programa preparado pola Asociación Monte Branco da Aldea do Couto, no concello de Ponteceso.  

Comentarios