O 'Alba de Gloria' e a Xeración Nós regresan ao Pico Sagro

A Agrupación Cultural O Galo e a Asociación Cultural Vagalumes manteñen viva a histórica tradición.
pico sagro
photo_camera Un "numeroso grupo de xente moi entusiasmada", nas palabras da persoa encargada da lectura, Lois Diéguez, respendeu á convocatoria. (Foto: Xan Muras).

Un ano máis, o Alba de Gloria de Castelao volveu a escoitarse no máis alto do Pico Sagro.

Un "numeroso grupo de xente moi entusiasmada", nas palabras da persoa encargada da lectura, Lois Diéguez, respondeu á convocatoria da Asociación Cultural O Galo de Santiago e a Asociación Vagalumes da Estrada, en colaboración coa Asociación Cultural Roxin Roxal de Paderne.

A xornada comezou ás 12 horas da tarde cunha intervención de Diéguez na que, como explicou a Nós Díario, quixo narrar "nunha pequena historia o significado do Pico Sagro en toda a historia galega".

"Centreina moito en dous momentos que me parecen fundamentais e que eran os que se repetían realmente hoxe: cando a xente da Xeración Nós o tomou como un símbolo e cando tamén fixeron o propio os compoñentes do Seminario de Estudos Galegos", engadiu.

Cuestionado sobre esa relevancia do Pico Sagro na cultura e a mitoloxía galega, Lois DIéguez respondeu que "os accidentes xeográficos que teñen personalidade propia e algunha forma que chama a atención levan ao nacemento da lenda, o mito, que chama aos ollos como símbolo de algo". 

Posteriormente comezou a subida ao último treito do cumio, onde se deu paso á lectura do Alba de Gloria.

Xa ás 13.30 tivo lugar a visita á chamada cova da Raíña Lupa, e hora e media despois foi o xantar na carballeira das insuas de Gres.

Finalmente, e logo dunha andaina até Donas o roteiro dos Pescadores (5 quilómetros aproximadamente) que decorre á beira do rio Ulla, o grupo contemplou o nacemento das augas sulfúricas da aldea de Donas (“as augas santas”).

Comentarios