A AELG organiza un recital de coplas de entroido

A Sección de Literatura e Tradición Oral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) organiza o I Recital de Coplas do Entroido en Lugo. Será esta sexta feira e o entroido de Salcedo, parroquia de Pobra de Brollón, o protagonista. 

Oso do entroido de Salcedo
photo_camera Oso do entroido de Salcedo

O I Recital de Coplas de Entroido en Lugo terá lugar esta sexta feira 28 de febreiro no Salón de actos do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra e con el, a AELG promove unha nova iniciativa co fin de “percorrer os camiños da literatura popular do Entroido”. 

Coordinado polo escritor Antonio Reigosa, vogal de Literatura de Tradición Oral da AELG, a actividade contará coa participación da Asociación Veciñal de Salcedo que levará a Lugo dúas mostras do entroido desta parroquia de Pobra do Brollón, un dos máis antigos e valorados pola súa singularidade do país. Trátase dunha representación teatral mimica, coa presentación do “Disfrace de campo” e as coplas de cego que se interpretan neste tempo. 

Haberá tamén ocasión de escoitar coplas de crítica social que virán da man de persoas que agocharán, como é tradición, os seus nomes con pseudónimos. “As chairegas de Sancovade", "O Coxilitranco da Pata do Medio", "A Carameleira" e "O Capador de galos" ofrecerán as cantigas con contidos políticos e sociais. 

A actividade conta co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Veciñal de Salcedo e da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Comentarios