Contracultura

Adrián Noia: "A lectura e a escritura son dous hábitos constantes na miña vida"

Adrián Noia, estudante de Filoloxía na USC e escritor novel, publicou no mes de xullo a súa novela 'O país dos raposos', que recibiu o segundo galardón nos Premios Xuventude Crea 2021. Noia explica que se trata dunha novela distópica na que se abordan temas morais e de actualidade. Ademais, o autor tamén se refire ao seu inicio no mundo da literatura e opina sobre a relevancia dos certames literarios.
Adrián Noia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A novela deste estudante de Filoloxía na USC foi premiada no Xuventude Crea 2021. (Foto: Nós Diario)

—De que trata O país dos raposos?
É unha novela distópica sobre un país que se ve alterado polo golpe de Estado que dá un grupo terrorista entre cuxos membros están implicadas persoas do lugar. A obra conta a historia de dous irmáns que se ven obrigados a participar no golpe e de como conseguen sobrevivir dentro da organización. Ao longo da novela vese como se vai construíndo o país a base de violencia e dominación até conseguir eliminar a resistencia. É unha historia con bastante violencia na que trato varios contrastes morais. Tamén abordo temas actuais relacionados coa homosexualidade ou as violencias contra a muller. Son todas cuestións que ocorren na actualidade e que nos afectan a todas nós.

—A obra foi galardoada co segundo premio de Xuventude Crea de novela curta. Como recibiu o recoñecemento?
Foi moi inesperado. Xa o presentara a outros certames e non tivera sorte. Cando me comunicaron que recibira o segundo premio, quedei impresionado. Foi unha sorpresa moi positiva. Creo que supón a fin dunha primeira etapa de escritura. Despois de presentarme a varios certames de relatos, deixei de escribir até que comecei esta novela. Enfronteime a ela como se fose un reto, como unha proba coa que demostrar que era capaz de finalizala. Coido que o conseguín, e máis despois de saber o do premio.

—Cando comezou a interesarse pola literatura?
Agora teño 21 anos e estudo Filoloxía Hispánica. Sempre me interesou a literatura; a lectura e a escritura son dous hábitos constantes na miña vida. Comecei a escribir relatos aos 15 anos que presentaba a un concurso que se organizaba no meu instituto, o IES Xelmírez I (Santiago de Compostela). Daquela sempre estaba atento aos certames que atopaba para participar cos meus textos.

—O sistema educativo motiva o alumnado a interesarse pola literatura?
En parte si e en parte non. Considero que en certas etapas educativas non se deberían ler certas obras clásicas sen antes crear un hábito de lectura entre o alumnado. Eu recordo ler na ESO a Garcilaso de la Vega ou a Góngora e coido que non son lecturas adecuadas para a rapazada desa idade. Sería máis útil comezar con novelas máis amenas e actuais. No meu caso, na materia de Lingua Galega e Literatura, o profesorado entendía esta situación e recordo ler obras máis adecuadas e que realmente gustaron entre o alumnado que na materia de Lingua Castelá.

—Di que a lectura sempre estivo presente na súa vida. Cales son os seus referentes?
No que respecta á literatura galega, gústame Diego Ameixeiras. Ten unha forma de escribir moi sinxela e próxima ás persoas lectoras, non resulta nada pomposo, e trata temas realmente interesantes e actuais. Por suposto, Manuel Rivas tamén é un referente. A nivel internacional, coido que a miña autora favorita é Margaret Atwood, a autora de O conto da criada. Cando lin a historia, na que se tratan situacións distópicas, algo propio da autora, interesoume moito a temática. Foi en parte grazas a esa novela que me animei a escribir O país dos raposos.

—Que importancia teñen os certames literarios para promover obras dos noveis?
No caso dos premios Xuventude Crea, considero que está moi ben. O que quizais falla é o apoio posterior ao certame. Unha vez se recibe o galardón e o recoñecemento do público, semella que se esquecen por completo das persoas premiadas. Suponse que este tipo de certames pretenden fomentar a escritura entre a xuventude, e coido que ese apoio debería manterse un pouco no tempo, acompañarnos no comezo do camiño. Se publico unha obra premiada pola Xunta, que menos que mostrar un certo interese. Con todo, en xeral considero que é unha boa iniciativa.

Comentarios