Acusan o Concello de Vigo de posíbel fraude na contratación de Guns N' Roses

AGEM advertiulle ao Concello de Vigo que "resulta imposíbel organizar un concerto desta índole no prazo dun mes e medio".
Guns N Roses durante un concerto en Londres en 2017. (Foto: Raph PH)
photo_camera Guns N Roses durante un concerto en Londres en 2017 (Foto: Raph PH).

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), formada por máis de corenta empresas da industria musical da Galiza, fixo público un comunicado no que manifesta "o seu malestar ante as fundadas sospeitas de que o Concello de Vigo teria articulado un procedemento preparado para garantir a contratación de Guns N’ Roses preservando a aparencia de legalidade a traves do cumprimento dos principios de contratacion do sector público".

Estas sospeitas dedúcense, segundo AGEM, da contestación outorgada polo propio concello de Vigo á consulta dirixida desde esta asociación "na que o consistorio se limitou a xustificar a elección do patrocinio publicitario como procedemento óptimo, sen realizar ningunha apreciación ao apercibimento que se lle fixo".

Ante esta resposta, AGEM remitiu un segundo comunicado constatando, desde a súa experiencia, "a improbabilidade de materializar unha contratación dun artista internacional nos quince días habilitados polo Concello de Vigo para presentar a oferta (publicacion do prego o dia 25 de abril con data límite de presentación de propostas o dia 10 de maio) a non ser que as negociacions xa estivesen avanzadas previamente", como semella que sucedeu no caso do concerto da banda Guns N' Roses, para o que incluso xa se puxeron entradas á venda.

Igualmente, AGEM advertiulle ao Concello de Vigo que "resulta imposíbel organizar un concerto desta índole no prazo dun mes e medio", sendo o día 28 de xuño a data límite de celebración do evento. "Só poderia darse tal casuística se os procesos xa estivesen iniciados", anotan.

Posíbel fraude de lei

Así as cousas, AGEM advirte que "este contrato podería ser articulado en fraude de lei por pretender dotar da seguridade xurídica dun procedemento aberto a unha subvención directa para un evento concreto mediante unha actuación indebida, xerando unha grave distorsión no marco colaborativo publico - privado para este tipo de actuacións".

Por todo o denunciado anteriormente, AGEM entende que "o xeito de proceder do Concello de Vigo podería xerar serios prexuízos na industria, empregando formulas distorsionadas que atentan contra a liberdade de competencia e poñendo en risco a supervivencia de moitas empresas do mercado que invisten en recursos humanos e economicos na presentación das súas ofertas con escasas posibilidades de resultaren seleccionadas ao crearse unha falsa aparencia de liberdade de acceso á licitacion".  

Comentarios