Eleccións Municipais | Vigo

Abel Caballero mantería a absoluta superando 65% dos votos

O actual alcalde de Vigo obtería entre 18 e 21 actas, segundo o CIS, a segunda praza sería para o PP e a terceira para o BNG. Con todo, populares e nacionalistas sitúanse a tan só 0,3% en canto a intención de voto.
Abel Caballero, no centro, na presentación da candidatura socialista en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Abel Caballero, no centro, na presentación da candidatura socialista en Vigo. (Foto: Europa Press)

O alcalde socialista e candidato á reelección en Vigo, Abel Caballero, consolidaría a súa maioría absoluta e volvería arrasar nas eleccións do vindeiro 28 de maio, conseguindo para a súa lista entre 18 e 21 concelleiros e concelleiras —en 2019 logrou 20 asentos— dun total de 27, segundo o avance de resultados da enquisa preelectoral do CIS, publicada esta quinta feira e que tamén lle outorga unha valoración de 7,11 puntos sobre 10 por parte das persoas enquisadas.

Na cidade olívica, o Centro de Investigacións Sociolóxicas realizou 815 entrevistas entre o 10 e o 26 de abril, e máis da metade (51,5%) das persoas trasladaron a súa intención de votar (voto directo) o PSdeG-PSOE nas próximas eleccións municipais. O seguinte partido nese ranking é o PP, a quen prevé votar 9,9% dos enquisados, seguido moi de perto polo BNG, a quen votarán 9,6% dos vigueses e viguesas —sempre segundo o CIS—, mentres que o voto á Marea queda en 6%.

PP e BNG disputan a segunda praza

En canto á estimación de voto, segundo o CIS, o PSOE de Caballero obtería entre 18 e 21 edís e unha estimación de 65,6% do voto válido emitido; o PP tería entre 3 e 5 representantes —agora ten 4— e 14,8 % do voto; o BNG, entre un e 3 concelleiros —hoxe ten un— e 9% do voto, e Marea de Vigo, que ten agora 2 edís, ficaría entre mantelos e non obter ningunha representación, con 6,3 % do voto estimado. O resto de formacións políticas ficarían fóra do consistorio.

Comentarios