O abandono da Xunta fai perigar o futuro de dúas xoias do románico

San Paio de Abeleda esmorece e só O Sorriso de Daniel mira por el. A Asociación leva meses reclamando á Consellaría de Cultura que visite a igrexa románica en estado ruinoso na Ribeira Sacra mais aínda non tiveron resposta. O pazo bispal de Diamondi continúa cos andamios tres anos despois do derrube da fachada na noite do 27 de decembro. 

San Paio
photo_camera San Paio

“Vese que unha igrexa románica caendo a cachos na Ribeira Sacra non ten suficiente entidade como para convocar aos nosos representantes”, lamentan desde O Sorriso de Daniel que aproveitaron a rápida resposta do Conselleiro de Cultura visitando o santuario da Barca despois do lume e a disponibilidade para a súa rápida restauración para lembrar o silencio que mantén a respecto de San Paio de Abeleda. 

Desde O Sorriso de Daniel aplauden a visita e a celeridade, mais dóelles ter cursado o convite hai meses para que o Conselleiro de Cultura ou a Directora Xeral de Patrimonio “reunisen tempo para visitar San Paio de Abeleda”. Volven agora enviar de novo a carta “por se se perdeu entre o rexistro e a mesa dos convidados”.

A través do De-Ambulatorio Románico, O Sorriso de Daniel desenvolveu varias xornadas de limpeza do mosteiro de San Paio de Abeleda en mans de persoas voluntarias que partillaron en distintas xornadas de traballo limpando o adro e o chan e eliminando vexetación. En 2012 a asociación organizou unha exposición que estivo pendurada nas paredes das casas da aldea, nas cancelas ou nos valados con imaxes de veciños e veciñas ao pé da pila bautismal onde foran bautizadas.

A Asociación levn xa máis de dous anos reclamando atención sobre esta xoia do románico que esmorece, o único mosteiro da Ribeira Sacra que non foi restaurado. Con mans voluntarias fixeron o primeiro traballo de limpeza urxente, tentando facilitar os labores posteriores de profesionais mais a axuda non dá chegado a esta construción que é propiedade privada mais patrimonio de grande valor monumental.  

Desde o 4 de xaneiro na que se data a primeira solicitude de entrevista oficial con San Paio de Abeleda como asunto, O Sorriso de Daniel comezou unha peregrinaxe ate agora sen resultado. Sen ter escoitado aínda as súas demandas, a Consellaría chegou a responder a unha pregunta do Valedor do Pobo sobre a construción románica de Abeleda realizada por Adega negando a posibilidade de acometer a restauración do edificio mais, de maneira sorprendente, indicando que é a propia asociación a que se responsabilizaría do asunto. “A dirección xeral do Patrimonio Cultural non pode asumir de facto a carga e custo da conservación e protección de todos os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, mais nunha conxuntura de restricións orzamentarias como a que está a acontecer”, sinálase na carta dirixida ao Valedor do Pobo como resposta á pregunta de Adega.

Inaudita delegación de responsabilidades no Sorriso

“Nesta Liña, a asociación O Sorriso de Daniel, dedicada á divulgación do patrimonio románico en Galicia ofreceuse á Consellería de Cultura para adoptar medidas de protección, conservación e posta en valor de modo inminente, tales como limpeza de maleza, pequena intervención no interior que permita o acceso de visitas, consolidación dos muros e teitume da igrexa. A dita asociación mantivo conversas cos propietarios e a empresa cesionaria; neste sentido é intención da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural facilitar o entendemento entre as partes interesadas, coa única finalidade de protexer e conservar o noso patrimonio cultural", escriben desde Patrimonio, cando aínda non recibiran a O Sorriso de Daniel, asociación que alén dunha limpeza voluntaria non ten nin orzamento nin contaba con permisos para asumir a tarefa que a Consellaría recolle na súa resposta oficial. 

En varias ocasións e, de maneira especial, nunha entrevista coa Directora Xeral en marzo e cunha carta en agosto, O Sorriso reclamou unha maior implicación co fin de frear o terríbel deterioro do edificio afectado, tamén con risco de derrube do seu tellado. Convidaban, despois a limpeza do entorno e da zona visitábel, a que responsábeis e Patrimonio se dirixiran a Abeleda co fin de estudar a situación e acometer as accións pertinentes para impedir que o mosteiro esmorecese mais desde a Consellaría continúan sen dar resposta, malia teren identificado de maneira oficial a Asociación como responsábel da conservación do patrimonio. 

Tres anos do derrube de Diamondi 

Tamén por estas datas, na noite do 27 ao 28 de decembro, hai exactamente tres anos, derrubábase a fachada do pazo bispal de Diamondi, no Saviñao. Cunha chamada de urxencia, técnicos da Consellaría elaboraron un primeiro informe e fíxose unha consolidación rápida do edificio mais, tres anos despois, os andamios e as teas que cobren a fachada continúan sobre a construción sen que se dera ningún paso para a súa reforma.

O Sorriso de Daniel mantivo na primavera do ano que agora remata unha xuntanza coa Directora Xeral de Patrimonio solicitándolle apoio para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, petición que reiteraron no verán, pouco antes de que a solicitude fose levada ao Parlamento co compromiso de apoio por parte do goberno da Xunta.

 

Comentarios