Fran Alonso, arqueólogo: "Estamos aquí para facer un labor social: salvagardar o patrimonio e a súa investigación"

Fran Alonso traballando co seu socio Mario César Vila.
photo_camera Fran Alonso traballando co seu socio Mario César Vila.

De cando en vez descubrimos algunha nova relacionada co noso pasado. En moitas ocasións tras dela hai unha arqueóloga ou arqueólogo. Fran Alonso forma parte de Tempos Arqueólogos, unha empresa cunha experiencia acumulada de 30 anos en traballos que van desde o acompañamento en numerosas obras públicas, vinculadas á construción do AVE ou autovías, pasando pola coordinación de obras en contornas patrimoniais como castelos e igrexas. É a "outra saída" que teñen estes profesionais máis alá da docencia ou a investigación.  

Cando descobre que a arqueoloxía é a súa profesión?

De pequeno sempre tiven fascinación pola historia, sobre todo pola materialidade que estuda a arqueoloxía. Cando estaba na casa dos avós e atopaba obxectos e preguntaba... xa me viña innato. Tiven sorte de dedicarme a isto.  

Como xorde Tempos Arqueólogos?

É unha profesión moi vocacional. Un cando se quere dedicar a isto ou fai investigación e docencia ou búscanse outras saídas. Por sorte temos unha lexislación xa desde os anos 80 que obriga en certos lugares a facer estudos arqueolóxicos cando hai algún elemento catalogado ou cando se presume que pode habelo. É o que se coñece como arqueoloxía de xestión ou arqueoloxía comercial. Deses traballos, vinculados principalmente a obras, é dos que viven a maior parte das empresas de arqueoloxía do país como Tempos Arqueólogos. Hai tamén unha parte máis pequena dedicada á divulgación con saídas e obradoiros. No meu caso tamén tento investigar. Devolver á sociedade eses recursos que inviste nesas obras e xerar coñecemento científico.  

Que tal se levan coas Administracións?

Nós facemos un estudo, unha memoria e logo quen ten a decisión xeral é a Xunta, a Dirección Xeral de Patrimonio. Tamén contan con arqueólogos que emiten os seus informes baseándose no noso traballo. Hai experiencias de toda clase. Hai proxectos nos que a solución non é a ideal. Faise unha exploración previa, por exemplo, cando traballamos nunha autovía. É unha infraestrutura catalogada de interese xeral e hai un xacemento que é imposíbel salvar.

Primeiro faise todo o posíbel por conservalo desde unha perspectiva  técnica, ou sexa, mudar o trazado e as estruturas, como construír un viaduto. Pasounos no corredor do Morrazo, cando se salvou o castro de Domaio, que se fixo un túnel. No momento no que xa non queda máis remedio, e os restos non teñen entidade abondo como para seren conservados coa memoria que se xeran, enténdese que a memoria do xacemento está recuperada e en casos excepcionais permítese a destrución.

Algunha vez tivo presións por parte de empresas privadas?

Para o promotor algunhas veces somos un valor engadido, como cando hai unha actuación dedicada á hostalaría. Na maioría dos casos é un gasto económico co que non contaba. Nos anos que levo nisto nunca nos pasou, aínda que si que escoitas rumores de presións. A Administración é moi garantista, polo que sempre tes que comunicar todo. 

Está ben valorada a arqueoloxía?  

Penso que non. Un pouco máis de valoración mesmo dentro do propio sector. Quédanos moito por traballar e por divulgar. Ás veces esquecémonos de que o noso traballo, se a sociedade non o valora, non existe, nós estamos aquí para facer un labor social: salvagardar o patrimonio e a súa investigación.  

Que achado foi o máis importante da súa vida?

O ano pasado en Casaio, no municipio de Carballeda de Valdeorras, cando atopamos o conxunto máis grande de pintura rupestre da Galiza. Foi moi curioso. Colaborabamos documentando a realidade da guerrilla antifranquista no proxecto Sputnik Galego e atopamos un abrigo no que estaba un ídolo de hai 4.000 anos, o primeiro que se  descobre na Galiza.

Comentarios