Denuncian un “atentado” contra o patrimonio na Capela de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade

Danos na pedra do recinto.

porta capela san xusto

Veciños denuncian o que consideran un “atentado” contra o patrimonio na Capela de San Xusto, no concello de  Cerdedo-Cotobade. Refírense ao cambio de fechadura da porta da capela, “sen consentimento previo dos veciños”. Unha actuación que, denuncian, se fixo “á machada”, facendo un buraco “desproporcionado na porta e picando a pedra de arredor da porta para poder introducir a chave da nova pechadura posta dunha maneira inapropiada e sen sentido.  Atentando contra o Patrimonio do lugar, picando unha pedra con máis de catro séculos de historia”.

Lembran que esta capela foi gañada polo veciños da Parroquia cando un dos cregos que estivo a cargo da parroquia “a intentou subscribir no rexistro como ben do Arcebispado de Compostela, os vencedores do conflito foron os veciños que loitaron durante moito tempo chegando a Audiencia Nacional para defender os bens que eran do lugar e que non querían que fosen entregados á propiedade da Igrexa”.

A Capela, explican, conserva un presbiterio cuberto do século XV ou XVI con unha bóveda de nervaturas. A nave foi construída posteriormente no século XVIII.

Por outra parte, sinalan, algúns veciños afirman a desaparición de artigos relixiosos que estaban na Capela e que actualmente non se coñece o seu paradoiro (uns crucifixos, velas e a esmola que os devotos depositan para pedir a intercesión dos Santos).

O descontento con estes feitos abrangue, afirman, a veciños da parroquia, dos encargados da Capela, da Comisión de Festas, da Asociación de Veciños A Cividade e da Asociación Cultural da Carballeira de San Xusto e Pastor.

Comentarios