A Xunta continúa sen declarar BIC o Museo Maside once anos despois de asinarse o acordo

A colección que garda o inmoble componse dunhas 1.800 obras de arte de 200 artistas. No entanto, a Xunta di que aínda queda por analizar o valor arquitectónico e o estado de conservación do inmoble situado no municipio de Sada. É parte do legado patrimonial de Seoane e Díaz Pardo.
Imaxe de arquivo do Museo Maside. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo do Museo Maside. (Foto: Europa Press)

A tramitación burocrática para que o Museo Carlos Maside pase a ser considerado un Ben de Interese Cultural (BIC) leva once anos de atraso e aínda seguirá sumando tempo. Ante una pregunta parlamentar do BNG, a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, explicou hoxe que queda pendente realizar e presentar estudos sobre o valor arquitectónico do inmoble que alberga esta sala. Ademais, hai que ver o estado de mantemento do mesmo.

O Bloque pediu explicacións sobre os avances realizados entendendo que hai unha "inacción" por parte da Xunta para acelerar este expediente sobre o espazo expositivo de Sada. Mais a directora xeral afeou as críticas e defendeu que o seu departamento traballou "ao longo destes anos" para ir cara esa declaración.

Aludiu aos anos porque, como recalcou o BNG o proceso acordouse "fai once anos". A deputada Mercedes Queixas dixo estar "profundamente preocupada" polo "abandono" do ben.

Igualmente, a nacionalista comentou na Cámara que xa hai un informe do Consello da Cultura Galega que demanda que o Museo Carlos Maside pase a ter o recoñecemento de BIC e o discurso do Executivo galego "non xustifica nin dá resposta" ás necesidades da instalación.

Aínda que solicitou unha "rectificación", o certo é que Martínez Insua incidiu en que hai un compromiso coa protección e defensa da conservación deste tipo de elementos que están na súa "folla de ruta". Así, subliñou que desde 2016 sumou 69 pezas e outras entidades como un poboado ou unha construción relixiosa á listaxe.

A pesar do hipotético "abandono" á infraestrutura sadense, a responsábel de Patrimonio fixo fincapé na importancia da sala, pois é un legado de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo e conta cunha "colección que supera as 1.800 obras entre pinturas, gravados, serigrafías e esculturas duns 200 artistas, a maior parte galegos dunha recoñecida traxectoria".

Polo de agora hai un inventario da "colección singular", pero falta esa análise para "identificar todas as necesidades existentes" no inmoble.

Comentarios