Encabeza a lista de mellores iniciativas culturais da Galiza que anualmente elabora a Fundación Contemporánea

O FIOT, recoñecido como o mellor proxecto cultural da Galiza de 2022

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido polo ‘Observatorio da Cultura’ da Fundación Contemporánea como o mellor proxecto cultural galego de 2022. O FIOT recibiu, ademais, a distinción de ‘Insignia Cultural’ de honra da comunidade galega e sube nove postos respecto da clasificación do pasado ano.
'Amantis', dirixida por Tamara canos, estará no FIOT 2022.
photo_camera 'Amantis', dirixida por Tamara canos, estará no FIOT 2022.

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) encabezou a lista de mellores iniciativas culturais da Galiza que anualmente elabora o ‘Observatorio da Cultura’ e obtivo a distinción de ‘Insignia Cultural’ de honra na Galiza.

Fundación Contemporánea presentou este 31 de xaneiro os resultados da súa consulta anual correspondente ao ano 2022. O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora desde 2009 unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, ás institucións e acontecementos culturais máis destacados do ano.

O obxectivo principal de ‘Observatorio da Cultura’ é visualizar a unha oferta cultural moi ampla, diversa e de gran calidade ao longo de toda a xeografía estatal e en constante renovación, achegando o aval das e dos profesionais máis destacados do sector. Para facer esta consulta, enviouse un cuestionario a un panel conformado por 1.040 profesionais e figuras de primeiro nivel: escritoras, artistas, directoras e creadoras de  todos os campos; responsábeis de fundacións, directoras de institucións culturais; produtoras e responsables de industriais culturais, comisarias de exposicións, directoras de festivais, xestoras culturais e profesionais do sector; así como responsábeis de áreas e institucións culturais da administración pública central, autonómica e municipal. 

 

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes da Galiza e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 31 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona.

Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas 31 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes da Galiza, do resto do Estado e do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, perto de 300 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientábeis no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional como Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval, Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi,…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade.

Entre outras distincións cítanse, ademais desta recente ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural da Galiza en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galiza ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.

Comentarios