40 anos da Asociación de Editores centran o Simposio sobre o libro

Contará cun panel de experiencias coas editoras galegas presentes
Henrique Alvarellos @Arxina
photo_camera Henrique Alvarellos @Arxina

Os 40 anos da Asociación Galega de Editoras centrarán o XX simposio O libro e a lectura que organiza o vindeiro 27 de setembro a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galiza.

Despois do acto central de celebración do aniversario da entidade en xuño, no que se presentou a obra 100 anos de edición moderna en Galicia, o Consello da Cultura Galega, en Compostela, acolle agora o acto de balance e análise do futuro da edición na Galiza, nun encontro aberto ao público. 

Logo da inauguración, prevista para as 10 horas, proxectarase o vídeo dos 40 anos da AGE realizado pola produtora Illa Bufarda e, seguidamente, ás 10.30, terá lugar a intervención do editor e actual presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos con Así xurdiu a AGE en 1983

 

Ás 10.45, o editor e presidente da AGE entre 2010 e 2014, Manuel Bragado, fará unha análise das cifras da edición galega e ás 12.30 seguiralle o Panel de experiencias: Presente e futuro da edición en Galicia coa participación de representantes de varias editoras galegas.

Compartirán experiencias arredor do Libro educativo/E-Dixgal, a cargo de Ana Guerra (Obradoiro) e María Xesús Gómez (Rodeira); a LIX e o álbum ilustrado, por Paz Castro (Kalandraka); a Poesía, a dixitalización e o ecosistema editorial, a cargo de Fran Alonso (Xerais); A importancia de traducir os clásicos universais ao galego, por Celia Recarei (Irmás Cartoné); A mediación e a prescrición no apoio ao libro galego, coa intervención de Henrique Alvarellos (Alvarellos Editora) e, finalmente, Marcos Calveiro (Galaxia) con Xestionar os clásicos: de Castelao á Banda Deseñada.

Ás 14 pecharase o acto coa clausura e as conclusións.  

 

Comentarios