Cen anos de edición moderna en galego

XIX Simposio sobre o libro e a lectura que organiza a Asociación Galega de Editores reúne representantes das editoriais galegas e destacadas figuras da investigación e da docencia coa finalidade de percorrer os últimos cen anos de edición do libro galego.
Placa en lembranza da fundación da Editorial Nós na rúa Real da Coruña. (Foto: Lamela)
photo_camera Placa en lembranza da fundación da Editorial Nós na rúa Real da Coruña. (Foto: Lamela)

"Os editores non adoitamos facer autoanálise, mais este ano a efeméride obrigaba a facer este balance". Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores, refírese así, en conversa con Nós Diario, á celebración dos "100 anos de edición moderna na Galiza", o lema baixo o que se celebra, na xornada de hoxe, o XIX Simposio sobre o libro e a lectura que organiza a entidade que preside. 

O encontro reúne representantes das editoriais galegas e destacadas figuras da investigación e da docencia coa finalidade de percorrer eses cen anos de edición: desde os selos pioneiros Nós, Lar e Céltiga até a edición dixital, pasando polas multiples experiencias do exilio. 

"Obviamente, a edición galega ten máis de cen anos", matiza Alvarellos. "Non podemos esquecer o labor de xente como Compañel en Vigo, Martínez Salazar na Coruña, Soto Freire en Lugo... e terán o seu espazo no simposio. Pero si que comezou hai cen anos a idea do que hoxe consideramos edición moderna: a que busca mercados, planifica estratexias para chegar ao público, seducir a través dos formatos... Iso naceu entre os anos 1921 e 1924, da man de Xaime Quintanilla en Ferrol e de Ánxel Casal e Leandro Carré en Santiago, e deu lugar a unha potentísima industria que morrería, literalmente, no 36, a raíz do golpe de Estado".

A edición galega sempre estivo da parte da edición de cultura

Non obstante, xa a principios da década de 1940, póñense en marcha, en América -grazas ao labor intensísimo de persoas como Castelao ou Luís Seoane-, numerosos proxectos editoriais cunha actividade "enorme e heroica" que mantiveron aceso o facho da edición galega. 

"Hai dous tipos de edición: a de cultura e a de mercado. E a edición galega sempre estivo da parte da edición de cultura. Isto pode verse, sobre todo, naqueles proxectos creados no exilio que tiñan unha rendibilidade económica moi escasa mais cun valor cultural enorme: non hai máis que ver o caso da editorial Losada, que se creou naqueles anos e que se mantén como un referente da edición de calidade". 

Alvarellos sinala dous momentos, "dúas idades de ouro", neste periplo. Os primeiros anos da II República, até o Bienio Negro, e os anos finais da ditadura franquista e o comezo da democracia, con experiencias como a Editorial Castrelos de Xosé María Álvarez Bláquez. "Son momentos de eclosión nos que se gañou moitísimo público, nos que se logrou que houbese unha masa crítica que estivese ao outro lado da canle, co conseguinte éxito comercial". 

A situación actual da edición vén caracterizada pola revolución dixital na que estamos inmersos desde hai dúas décadas. Existe o perigo da igualación do gusto que traen consigo as grandes plataformas de distribución, "mais tamén existe unha reacción na que moita xente procura librarías especializadas e editoras con contidos diferentes e deseños coidados, e iso estase vendo na Galiza e noutros moitos sitios. Outra cousa son os impactos que recibe o público, especialmente a xente nova, e os novos medios de acceder aos contidos culturais. É máis difícil seducir no medio de toda a oferta existente e esa é agora a nosa batalla". 

En todo caso, Alvarellos advirte dos riscos que corre a edición en galego. "Agora temos unha industria editorial moi asentada con máis de medio cento de empresas profesionais que editan contidos dunha enorme calidade. Mais carecemos de políticas activas de impulso á lectura e dun centro que nos permita exportar a nosa literatura ao exterior. A situación da lingua ten un músculo moi débil, e precisa un apoio político do que, polo de agora, carecemos". 

O periplo da edición galega na última centuria

O simposio contará con relatorios de Encarna Otero, Xurxo Martínez, Miguel Toval, X. M. Dasilva, Charo Portela, Manuel Bragado, Laura R. Herrera, e Francisco Castro, que debullarán as principais etapas da edición galega da última centuria. O encontro fecharase coa conferencia de Xesús Alonso Montero “Un libro clandestino sobre o franquismo e a represión en Galicia: Galicia Hoy (Ruedo Ibérico, París, Buenos Aires, 1966), deseñado e coordinado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane”.

Comentarios