A feira Expoesía, na cidade de Soria, ten a Galiza como país invitado

A poesía galega proxéctase no exterior

A feira Expoesía de Soria, unha feira dirixida especialmente á poesía, ten a Galiza como país invitado na súa edición de 2022. Unha nutrida delegación de escritores e editores dá a coñecer a cultura galega sen o apoio institucional dun centro que canalice a acción cultural exterior. 
O stand da Editorial Kalandraka en Expoesía, en Soria, o pasado mes de agosto.
photo_camera O stand da Editorial Kalandraka en Expoesía, en Soria.

“O que parece unha anécdota extraordinaria debería ser o normal en todo o Estado”, comenta Mercedes Queixas, Académica Correspondente da RAG e deputada polo BNG no Parlamento da Galiza. Queixas vén de pronunciar a conferencia inaugural da Feira Expoesía de Soria -unha feira do libro centrada na poesía- que, este ano, ten a Galiza como país invitado. “Trátase dunha feira moi consolidada que abre as súas portas á creación lírica das diferentes linguas do Estado e que soubo recoñecer a orixinalidade e a calidade da poesía galega”, comenta a Nós Diario

Esa apertura está asistida, desta vez, por unha importante delegación galega que, a través da poesía, ofrece unha panorámica da cultura galega que semella moi ben recibida en Soria. A 15ª edición de Expoesía inaugurouse cunha función do espectáculo Leira, de Nova Galega de Danza. E a este espectáculo seguiron outros como o que une os versos de Rosalía e de García Lorca nas voces de Uxía e Javier Ruibal; o concerto-recital Fronteira Paraíso, no que Cintaadhesiva (Silvia Penas e Jesús Andrés) ofrecen unha versión máis contemporánea do poema; ou o que dará hoxe o sempre inspirado Antón Reixa, Concerto Desconcerto

A delegación galega, ademais, inclúe varios nomes recoñecidos no mundo da poesía que van desde os máis experimentados como os de Olga Novo, Chus Pato, Yolanda Castaño ou Antonio García Teijeiro até os máis novos, como Rosalía Fernández Rial ou Ismael Ramos. 

Difusión da cultura galega 

Ademais, editoriais como Alvarellos ou Kalandraka contan co seu propio stand na feira. 

No caso de Alvarellos, ademais de autores clásicos e actuais presentou tamén Federico García Lorca en Santiago de Compostela (2020), xunto coa edición facsimilar que preparou dos Seis poemas galegos de Lorca e a edición de El gran viaje de estudios de García Lorca

Kalandraka, pola súa parte, levou a Soria a María Solar -que fixo unha divertida presentación do seu libro Teño uns pés perfectos, Antonio García Teijeiro ou Antón Reixa, con quen celebrou un café-tertulia na tarde de onte. 

Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, chama a atención sobre a excelente acollida do público soriano. "Tivemos a oportunidade de explicar a faceta galega de Lorca, as súas viaxes e a súa produción en galego, sobre a que, segundo confesaba o público, non tiñan ningún coñecemento. E decateime de que se achegaron a ese novo mundo que se lles abría cunha apertura de miras que, ás veces, non atopamos no propio país. Está sendo unha experiencia realmente enriquecedora". 

 

A necesidade de canalizar a proxección exterior 

Expoesía dedicou a feira do ano pasado á poesía vasca e, comenta Mercedes Queixas, a interlocución deuse co Etxepare Euskal Institutua, un centro que -como o Cervantes español ou o Ramón Llúll en Catalunya- traballa para difundir a creación vasca no exterior e promover a cooperación internacional. 

"A Galiza precisa dunha institución que siga ese modelo", observa Queixas. "Coa atención recibida en eventos como Expoesía decatámonos do grande interese que esperta a creación galega fóra das nosas fronteiras. Cun instituto oficial que apoiase dunha forma estruturada e organizada a proxección da lingua e a cultura galegas, a nosa presenza e visibilidade no exterior serían moito maiores e terían unha máis ampla repercusión internacional", conclúe. 

A Fundación dá a coñecer a Rosalía máis actual 

A feira tamén reserva un lugar destacado para unha figura tan esencial das letras galegas como Rosalía de Castro: o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, tamén pasou por Soria para pronunciar unha conferencia que, baixo o título "Rosalía de Castro, unha escritora viva" deu conta da modernidade da autora, así como das novas lecturas da súa vida e a súa obra que se dan entre a xente máis nova e que seguen fecundando a poesía galega máis actual. 

Comentarios