36 espectáculos optan a facerse cos Premios de Teatro María Casares

A entrega dos premios decorrerá o 30 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Os galardóns entregaranse o 27 de marzo na cidade da Coruña (Foto: AAAG).
photo_camera Os galardóns entregaranse o 27 de marzo na cidade da Coruña (Foto: AAAG).

Un total de 36 espectáculos e máis de 300 profesionais concorren aos XXVII Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados de forma anual pola Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG) coa colaboración habitual de institucións e entidades como son a Xunta da Galiza, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis. 

Desde a organización destacan que o proceso de inscrición desta XXVIII edición rexistrou "unha gran participación". Desta volta, 36 montaxes postúlanse nas dezaseis categorías nas que se dividen os premios desde 2023, ano en que se crearon dous novos apartados: dirección de movemento e espectáculo de monicreques.

Tras a fase de inscrición, que rematou o 9 de xaneiro, a AAAG iniciou esta cuarta feira a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do colectivo de integrantes da AAAG, poderán votar responsábeis da xestión e da programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas de edicións anteriores. Das súas votacións sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das dezaseis categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de febreiro.

A entrega dos Premios de Teatro María Casares terá lugar nunha gala que decorrerá na quinta feira 30 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Logo de tres edicións afectadas pola situación sanitaria, a gala dos María Casares volve celebrarse na semana do Día Mundial do Teatro. Durante a gala, entregarase ademais o Premio de Honra Marisa Soto e lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

Comentarios