18-F

30 artistas galegas lanzan un manifesto polo "cambio galego" o 18 de febreiro

Entre as persoas asinantes están Leandro Lamas, Pruden e Lúa Lomo ou o Carrabouxo

Deseño de Leandro Lamas.
photo_camera Deseño de Leandro Lamas.

Na tarde desta sexta feira facíase público o Manifesto pola Rebeldía Creativa asinado por 30 artistas galegas que na súa obra reivindican “este pequeno país chamado Galiza”.

Entre as artistas que asinan o “manifesto do cambio galego”, figuran nomes como Xosé Lois ‘Carrabouxo’, Leandro Lamas, Iria Ribadomar (de Deica Creacións), Daniel Macua (de Acontravento), Bruno L. Teixeiro, Pruden e Lúa Lomo, Laura Pato, Rosiña Rojo (de Bretemas) ou Sergio Marey, e marcas como OZOCO gz Deseño Galego, Urco ou Cestola na Cachola.

O manifesto sinala que "un novo escenario político no noso país é posíbel" e considera que deben "dar un paso adiante e pular por el".

Tras quince anos de Partido Popular na Xunta da Galiza onde “se avanzou na precarización e no desmantelamento dos servizos públicos”, as asinantes do manifesto afirman que o 8 de febreiro "ábrense grandes expectativas de renovación no seo da maioría social".

Así, artistas galegas ligadas ao sector do deseño e das artes plásticas fan un chamamento a "non ficarmos caladas" e a pór "ao servizo do cambio galego o voso talento e rebeldía creativa".

Aniversario da foto da vergoña

O día escollido para lanzaren este manifesto “non foi por acaso”: neste 8 de febreiro fanse 15 anos da “foto da vergoña, onde o actual presidente da Xunta Alfonso Rueda participaba detrás da pancarta do odio á nosa lingua”, afirman, en relación á participación de Rueda nunha manifestación convocada pola asociación Galicia Bilingüe.


Manifesto pola Rebeldía Creativa

Somos un pobo de artistas. Cantas veces escoitaches esta afirmación en boca do querido Xurxo Souto? Pois si, así é! Somos o pobo de Maruxa Mallo, de Diaz Pardo, de Castelao, de Xaquín Marín, de Rei Zentolo ou do primo de Banksy. 

Somos o pobo de tantos e tantas pintoras, deseñadoras gráficas, ilustradoras ou muralistas que desde a súa obra reivindican este pequeno país chamado Galiza.

Un pobo marabilloso e rodeado de talento pero tamén de rebeldía. De artistas exiliados ou emigrados que tiveron que marchar. De artistas migrantes de todo orixe aos que a miúdo as políticas públicas non chegan.

Un pobo vivo e enriquecido na nosa multiculturalidade. Defensor das causas xustas e da diversidade de todas as persoas. A cultura do pobo para o pobo, que loita na defensa de toda a xente e dos dereitos que aínda debemos conquistar.

Os galegos e as galegas teñen o próximo 18 de febreiro unha oportunidade histórica. Tras quince anos de desgoberno do Partido Popular, da precarización e desmantelamento dos nosos servizos públicos, con destaque para a sanidade, ou do secuestro da radio e televisión pública galega ábrense grandes expectativas de renovación no seo da maioría social. 

Un novo escenario político no noso país é posíbel e achamos que debemos dar un paso adiante e pular por el. É agora! 

É por iso que as persoas que lanzamos este breve manifesto queremos facer un chamamento a non ficarmos caladas e a que poñades ao servizo do cambio galego o voso talento e rebeldía creativa.

Nós non temos a TVG ou a Radio Galega mais temos os muros nas rúas e na rede. Enchámolos de stencils, colantes, ilustracións, murais ou de calquera proposta gráfica que consideredes axeitada para visibilizar e reivindicar a nova Galiza que chegará a partir do 19 de febreiro. 

Podedes encamiñar os vosos deseños a [email protected] e/ou publicalos nas vosas redes cos cancelos #SomosUnPobodeArtistas #CambioGalego. 

De tanto soñalo farémolo realidade.

Galiza, 8 de febreiro de 2024 (15 aniversario da foto de Rueda tras a pancarta do odio ao galego)

  • Macua (Acontravento)
  • Xose Lois Carrabouxo
  • Iria Ribadomar (Deica Creacións)
  • Leandro Lamas
  • Rosiña Rojo (Bretemas)
  • Bruno L. Teixeiro
  • Laura Pato
  • Isa Bermudez
  • Pruden & Lúa Lomo
  • Mariana Senín (Nails out)
  • Juanlu Nacha
  • Gilotxo
  • David Calviño
  • Augusto Metztli
  • Pablo Sartal
  • Poli (Classis Rider)
  • Theresa P. Lousame
  • Xulio Fernández (Death or Glory)
  • Paula Pereira Carreiro (Cavalinho do Demo)
  • OZOCO gz Deseño Galego
  • Abraham Rodal (Abe Tattoo)
  • Urco
  • Sergio Marey
  • Eladino Cabanelas Fernández
  • Cobe Edge
  • Xai Paniagua (cravomaino)
  • Nana
  • Christian Silva
  • Cestola na Cachola 

Comentarios