Cinema

173 producións preséntanse este ano aos Premio Mestre Mateo: estas son as candidatas

Producións de grande éxito como O corno ou Matria, entre os filmes a concurso.

María Vázquez en 'Matria' de Álvaro Gago.
photo_camera María Vázquez en 'Matria', de Álvaro Gago.

A Academia Galega do Audiovisual puxo en marcha esta cuarta feira as votacións para escoller as candidaturas finalistas nos premios Mestre Mateo. 173 producións foron presentadas para participar na presente edición, o que supón un descenso de 21 traballos con respecto ao 2023. 

Esta XXII edición, bate récord de participación nas categorías de longametraxe, programa e curtametraxe. A categoría de mellor longametraxe dá conta da excelente colleita do audiovisual galego en 2023, con films recoñecidos en festivais como O Corno, coroado coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastian e o filme de animación, O Soño da Sultana, tamén galardoado no prestixioso festival donostiarra; Matria e Sica, aclamadas na pasada Berlinale; Cando toco un animal, presente na selección oficial do Festival internacional Rizoma e do Atlántida Film Fest ou Amigos hasta la muerte, que tivo a súa premiere no Festival de Málaga. Nesta listaxe tamén están presentes Fatum, un dos filmes máis vistos do ano en Amazon Prime e o filme de ciencia ficción aclamado pola crítica ¡Salta!

Resulta salientábel a produción de curtametraxes, un 36,3% superior á edición anterior, cunha mención especial á categoría de animación, na que se presentan máis do dobre de traballos. Tamén compre destacar un incremento nun 21,2% das obras que compiten na categoría de mellor programa. 

As dúas categorías de audiovisual seriado manteñen o mesmo número de obras candidatas que na pasada dos premios: 4 series de televisión e 11 series web. Entre as primeiras mantense a tendencia apreciada na edición de 2023, coa presencia de dúas producións estreadas en Televisión de Galiza, Motel Valkirias e Saudade de ti; e outras dúas en plataformas de streaming: Os argonautas e a moeda de ouro, emitida en RTVE Play e Rapa, de Movistar +. 

Numerosos rostros coñecidos volven aparecer nas candidaturas profesionais, como María Vázquez, Biznaga de Ouro como Mellor Actriz no Festival de Cine de Málaga, candidata a mellor actriz protagonista; Álvaro Gago, finalista na categoría de mellor dirección novel na presente edición dos Premios Goya; comunicadores como Roberto Vilar, Eva Iglesias, Boris Izaguirre ou Esther Estévez (premiada nas dúas últimas edicións dos premios) e directoras como Jaione Camborda, Isabel Herguera ou Olga Osorio.

Luis Tosar, un dos profesionais máis veces finalista ao longo da historia dos Mestre Mateo repite candidatura como mellor intérprete protagonista, categoría na que tamén se atopan Álex García, Javier Cámara, Javier Veiga ou Tamar Novas, vencedor nesa categoría na última edición dos Mestre Mateo.  

Hai un total de 493 persoas inscritas nas categorías profesionais, das cales 284 (un 57,6%) son homes e 209 (un 42,3%) son mulleres. As categorías que aglutinan o maior número de candidaturas son mellor montaxe, con 65, e mellor guión, con 63. 

Comentarios